MEDIO AMBIENTE

A plantación de 300 árbores en Volta do Castro será a principal actividade da celebración do Día da Árbore e da Auga

18/03/2009 A concelleira do Medio Ambiente e Desenvolvemento Sustentábel, Elvira Cienfuegos, presentou as actividades que o seu departamento desenvolverá para celebrar o Día da Árbore e o Día da Auga. Cienfuegos, que tamén presentou a imaxe e o material promocional desta celebración, estivo acompañada por Luis Incera, xerente de Cespa, e Paula Piñeiro, delegada de Aquagest, ambas entidades que colaboran nestas actividades.

A plantación dunhas 300 árbores e arbustos en Volta do Castro será a principal actividade desta efeméride. Serán uns 150 alumnos do CEIP Quiroga Palacios de entre 6 e 11 anos e a veciñanza da zona que se queira achegar ata alí os que, axudados por técnicos de Parques e Xardíns e Cespa, procederán a plantar estas árbores. Ademais, nesa mesma zona de Volta do Castro, repoñerase unha fonte coa colaboración de técnicos de Aquagest. Todas estas actividades serán o xoves 26 de marzo a partir das 12 do mediodía.

O departamento de Medio Ambiente, en colaboración con Cespa e Aquagest, editou cartaces, trípticos, marcapáxinas, camisetas, gorras e vasos coa imaxe deste ano e coa imaxe das especies arbóreas que se van plantar. Precisamente, estas especies están a disposición de todos os centros educativos que xa foron informados da posibilidade de dispor de exemplares para realizar actividades cos rapaces e rapazas. A todo isto hai que engadir a oferta de visitas guiadas polos parques e ríos da cidade, así como as visitas á potabilizadora e depuradora, que oferta a Concellaría de Medio Ambiente. Ademais, en vindeiros días e no marco desta celebración presentaranse dous novos folletos, un sobre o río Tambre e outro sobre a historia da auga en Compostela.

O Día da Árbore celebrouse por primeira vez en Galicia, concretamente en Mondoñedo, no século XVI. No ano 1971 foi declarado o día 21 de marzo como Día Forestal Mundial. As árbores, sinalou a concelleira, "purifican o aire e a auga, protexen o solo, moderan o clima e dan froito, madeira e fibras, ademais de que moitas actividades económicas e sociais están ligadas a elas".

En canto á auga, temos que o 22 de marzo foi declarado Día da Auga no 1993 pola ONU. É, como sinalou Cienfuegos, un recurso limitado, polo que "debemos utilizala e xestionala responsablemente". Así, "coñecer e recoñecer o valor das árbores e da auga é o obxectivo desta celebración", engadiu.

Compartir: