UMAD

"Fóiseche a pota?" tratará de prever o alcoholismo entre os mozos composteláns

14/10/2005 A Unidade Municipal de Atención a Drogodependentes (UMAD) pón en marcha a campaña "Fóiseche a pota?", destinada á sensibilización da xente nova sobre as consecuencias do uso e o abuso do alcol.

A concelleira de Benestar Social e UMAD, Adelaida Negreira, e a directora da UMAD, presentaron o xoves 14 unha nova campaña de prevención do alcoholismo entre os máis novos. Xa que "prohibir non dá resultado", segundo sinalou a concelleira, a campaña non será "prohibitiva", senón que intentará "facer ver as consecuencias que produce o exceso do consumo de alcohol".

"Fóiseche a pota?" enmárcase no Programa municipal de prevención do alcoholismo xuvenil promovido desde a Unidade Municipal de Atención a Drogodependentes (UMAD) do Concello de Santiago, e supón a continuidade das campañas que desde o Concello de Santiago se levan desenvolvendo desde hai oito anos.

"Fóiseche a pota?" sinala os efectos e consecuencias negativas do uso e abuso do alcohol, máis concretamente sobre a falsa crenza de asociar o alcohol e a diversión como dúas caras da mesma moeda. Con esta campaña preténdese seguir sendo contrapunto ao alude de mensaxes publicitarias que asocian o alcohol con factores de éxito, diversión, amizade, tempo de ocio ou sexo e que obvian as consecuencias negativas do consumo.

Ao mesmo tempo, a UMAD pretende achegar á mocidade información obxectiva e veraz sobre o alcohol e as consecuencias do seu uso e abuso, intentando afastarse de formulacións moralistas ou prohibicionistas sobre o alcohol e a xente nova.

Dentro das actividades da campaña "Fóiseche a pota?" para este curso 2005-2006 está prevista a difusión de 1.500 carteis, 5.000 dípticos, 4.000 postais e 6.000 adhesivos coas mensaxes da campaña entre a xente nova de Santiago. Ademais, difundirase dous anuncios publicitarios da campaña en Localia TVE e faranse actividades relacionadas coa prevención do alcohol en colaboración cos centros educativos do concello.

Calcúlase que a campaña chegará a 33.392 mozos e mozas que residen no noso concello e, para a distribución do material, contarase coa colaboración do Servizo de Voluntariado da Universidade de Santiago.

Compartir: