COMERCIO

A Gala do Comercio homenaxeará a Fotos Arturo, Fotos Novoa, Curtidos Compostela, Talleres Arco e Magar

18/03/2009 O concelleiro de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo, Xosé Manuel Iglesias, deu a coñecer os nomes dos cinco estabelecementos que van ser homenaxeados na IV Gala do Comercio Compostela capital de compras, que celebrará o 31 de marzo, ás 21:00 horas, no Teatro Principal. Os comercios recoñecidos son: Fotos Arturo, Fotos Novoa, Curtidos Compostela, Talleres Arco Máquinas e Magar Géneros de Punto.

A comisión avaliadora seleccionou aos estabelecemento homenaxeados en base aos seguintes criterios de valoración: antigüidade do estabelecemento e que o comercio pasara de xeración a xeración no seo dunha mesma familia desde a súa fundación. A iniciativa ten como obxectivo homenaxear a cinco comercios da cidade pola súa traxectoria ao servizo da súa clientela.

Fotos Arturo é un establecemento fundado en 1937 e situado na rúa do Vilar, 27. É explotado no seo dunha mesma familia. Do mesmo sector é Fotos Nova, fundado en 1950 e igualmente xestionado nunha mesma familia. Está na rúa do Preguntoiro, 27.

Pola súa parte, o establecemento familiar Curtidos Compostela (rúa do Preguntoiro, 32) está aberto dende 1954. Tres anos despois naceu Talleres Arco Máquinas, situado na praza de Mazarelos, 15. Finalmente, Magar Géneros de Punto (rúa da Caldeirería, 33), está xestionado por unha mesma familia dende a súa fundación en 1963.

Gañador anual de SCQ Shopping
Durante o evento, organizado pola Concellaría de Promoción Económica no marco do programa de dinamización comercial Marzo, mes do comercio, tamén se entregarán distincións á tenda de marroquinería Media Lúa, gañadora anual do V Concurso Municipal de Escaparatismo SCQ Shopping 2008, e á Xoiaría Xanana, como estabelecemento máis participativo, dinámico e innovador.

O gañador anual do Concurso Municipal de Escaparatismo escóllese entre os estabelecementos participantes que tiveran unha maior presenza, continuidade e esforzo ao longo das catro edicións anuais do certame. O gañador de 2008, Media Lúa, xa levara o galardón anual en 2007. Esta tenda de marroquinería, situada na rúa Travesa, 5, quedou segunda na edición de verán do concurso e segunda na edición de outono.

Comercio máis participativo, dinámico e innovador
Un novo premio creado este ano ao comercio máis participativo, dinámico e innovador pretende recoñecer a traxectoria dun estabelecemento tomando como referencia a súa participación en accións formativas e programas dirixidos ao sector comercial organizados pola Concellaría de Promoción Económica. Distintas actividades que teñen como obxectivos fortalecer a imaxe comercial, manter a actual clientela e captar novos consumidores e fomentar a innovación e o uso das novas tecnoloxías no sector. Todo para acadar un comercio innovador, dinámico e competitivo, adaptado a nova coxuntura económica.

A valoración realizouse tendo en conta a participación nas distintas iniciativas e os resultados acadados dentro delas. O comercio que recibirá esta distinción na IV Gala do Comercio será Xoiaría Xanana, situado na rúa Doutor Teixeiro, 25.

Esta gala anual ten como obxectivos fortalecer os lazos entre os comerciantes de Compostela, recoñecer a súa laboura e transmitir a importancia do sector á cidadanía, tanto a nivel social como económico. A entrada á Gala do Comercio, que é aberta ao público, é gratuíta.

Compartir: