REHABILITACIÓN

Un técnico de Rehabilitación do Concello atenderá as dúbidas e consultas dos veciños en relación á ARI da Pontepedriña

17/03/2009 A partir do venres 20, un técnico do departamento de Rehabilitación do Concello de Santiago estará no Local das Avoas (rúa de Samos, 6 - baixo) para atender a todos aqueles veciños e veciñas que queiran informarse sobre a ARI que se declarou no grupo de vivendas Compostela e Cardenal Quiroga. O técnico estará en horario de 9:00 a 14:00 horas durante un mes, tempo que poderá prorrogarse en función da demanda dos veciños e veciñas.

Este é un dos compromisos que a concellaría de Rehabilitación e Cidade Histórica adquirira cos veciños e veciñas do barrio: a de ter unha oficina no propio barrio á que puideran asistir para consultar cada caso en particular e informarse de todas as súas dúbidas arredor da ARI.

A Área de Rehabilitación Integral do Barrio da Pontepedriña fai posible unha actuación de rehabilitación e reurbanización que afecta a 18 edificios con 374 vivendas e supón un investimento total de 7.744.000 euros, dos que a Consellería de Vivenda e Solo aportará 2.052.000. Estes inmobles foron construídos na segunda metade do século XX. A rehabilitación poderá efectuarse tanto no interior como no exterior das vivendas e dos edificios, e tamén se poderán realizar obras de reurbanización das rúas incluídas na ARI.

O Plan de Vivenda prevé axudas para a rehabilitación nas vivendas de ata un 80% do orzamento protexible, por un máximo de 9.000 euros por vivenda. Así mesmo, prevé a subvención de ata o 50% das obras de reurbanización dos espazos públicos do ámbito integrado dentro da ARI.

Descrición do barrio
O barrio de Pontepedriña abarca unha superficie de 24.770 metros cadrados, dos que 6.000 son de vivendas e o resto de rúas e espazos públicos. O barrio está situado nunha zona de semiperiferia no suroeste da cidade e conta con 18 edificios de 3 e 4 plantas, que albergan 374 vivendas. Os inmobles do grupo de vivendas Compostela foron construídos nos anos 50 e o grupo de Cardenal Quiroga Palacios nos anos 70 do século XX.

Os edificios precisan da instalación de ascensores e ramplas para facilitar o acceso a persoas maiores e con algún tipo de discapacidade física, melloras nas cubertas, reparación de fendas e pintura das fachadas, illamento e impermeabilización, renovación da carpintería exterior e substitución de canalóns e baixantes. Tamén inclúe a renovación das instalacións comúns de auga, enerxía eléctrica e televisión e a instalación de tendedeiras.

En canto ás obras de reurbanización, contémplase a mellora dos pavimentos das beirarrúas eliminando barreiras arquitectónicas, mellora do asfaltado das rúas, substitución e ampliación do mobiliario urbano, mellora da praza pública, dos equipamentos deportivos e do parque infantil.

Compartir: