TURISMO

Última cata guiada de "Santiago Repetirás"

17/03/2009 Unha cata guiada protagonizada polas cervexas Estrella Galicia maridadas co queixo da D.O. Tetilla e un taller gastronómico infantil son as actividades elixidas para poñer o punto final a Santiago Repetiras, programa organizado por Turismo de Santiago. O sábado 21 de marzo, e tras cinco meses de sesións gastronómicas, o Parador Hostal dos Reis Católicos acolle as derradeiras desta edición.

A cata dará comezo ás 18:00 horas e nela os participantes aprenderán os pasos a seguir e os aspectos a valorar na degustación dunha cervexa, como poden ser o color, o sabor, a textura... Ademais afondarán nas características do queixo de Tetilla e no xeito en que a cervexa pode enriquecer o seu sabor. Un experto en cervexas e un experto da D.O. Tetilla serán os encargados de dirixir a actividade, que conta con 40 prazas e ten un prezo de 5 euros.

Tamén no Hostal e á mesma hora os máis cativos aprenderán a preparar patacas recheas nun taller gastronómico infantil, incorporando así dun xeito divertido hábitos de alimentación saudables á súa dieta. Baixo a atenta mirada de tres monitores especializados e por un prezo 5 euros, 30 rapaces e rapazas de entre 6 e 12 anos disfrutarán dunha tarde entretida.

O obxectivo deste programa de actividades da Concellaría de Promoción Económica e Turismo é converter a enogastronomía galega nun dos atractivos da cidade. Veciños e visitantes de Compostela poden participar nas actividades reservando praza en www.santiagorepetiras.com ou no teléfono 902 190 160.

Ata finais do mes de marzo turistas e composteláns poden seguir degustando menús e tapas da cociña de inverno en 35 estabelecementos composteláns adheridos ao programa

Compartir: