XUNTA DE GOBERNO

Novas áreas infantís e recreativas en Salgueiriños, San Lázaro e Vidán

17/03/2009 A Xunta de Goberno adxudicou tres novas obras das incluídas no Fondo de Inversión Local. En concreto, trátase da remodelación da zona norte do parque de Salgueiriños e da creación dunha área de xogos infantís no parque de San Lázaro e doutra área recreativa en Vidán.

Por un importe de 215.383 euros e un prazo de exención de 81 días adxudicouse a remodelación da zona norte do parque de Salgueiriños. Para a exención desta obra ocuparanse 13 persoas, das cales catro xa están na empresa adxudicataria e outras nove serán de nova contratación.

Noutra zona verde, a do parque de San Lázaro, crearase unha área de xogos infantís. A adxudicación ascendeu a 103.082 euros e o prazo de execución é tamén de 81 días. Nesta obra traballarán catro persoas.

A terceira das obras adxudicadas, por 99.938 euros, permitirá acondicionar unha parcela en Vidán para crear unha nova área recreativa. A actuación acometerase en 81 días e traballarán nela cinco persoas.

Tamén en materia de Medio Ambiente, o Goberno local adxudicou provisionalmente o servizo de conservación e mantemento do parque de Salgueiriños, por un importe de 81.864 euros á empresa Íntegro Xardinaría e Medio Ambiente. O adxudicatario prestará este servizo ata decembro de 2009. Cómpre recordar que o mantemento deste parque resérvase a centros especiais de emprego.

Servizos
No ámbito da Concellería de Servizos, aprobouse a revisión de prezos do contrato de xestión do servizo de recollida de residuos urbanos e limpeza viaria para o ano 2009, realizado pola empresa Urbaser. Actualízanse os prezos de acordo ao IPC interanual de decembro de 2007 a decembro de 2008 (1,40%), quedando un canon anual de 7.511.894 euros. Repartido mensualmente quedaría en 625.991 euros/mes.

Cómpre lembrar que neste contrato se inclúe tanto o servizo de recollida e limpeza como a xestión dos puntos limpos do Tambre e de Piñor.

Urbanismo
Outro acordo da Xunta de Goberno foi a solicitude ao Banco de Terras de Galicia (BANTEGAL) da cesión gratuíta ao Concello dunha masa común en Sabugueira-Carballal. Esta parcela destinarase ao futuro cemiterio parroquial.

Igualmente, demándase a titularidade doutras dúas masas comúns nesta mesma parroquia. Neste caso, as parcelas serán equipadas para que os veciños poidan utilizalas na celebración de romarías ou festas, como a da Santa Lucía.

Educación
En materia educativa, aprobouse un orzamento de 23.221 euros para o programa da IX Campaña de Animación á Lectura, que se desenvolverá durante os meses de marzo, abril e maio. Esta campaña promove a lectura como elemento básico na formación integral dos nenos e nenas.

Tamén foi adxudicada a ADEGA, por 9.209 euros, a Campaña de Educación Ambiental a realizar nos centros de ensino durante 2009. Esta iniciativa, posta en marcha polas concellarías de Educación e de Medio Ambiente, cumpre a súa sétima edición.

Consumo
Finalmente, a Xunta de Goberno aprobou o convenio de colaboración entre o Instituto Galego de Consumo (IGC) e o Concello para o proxecto de desenvolvemento e mellora dos servizos municipais de atención ao cidadán en materia de consumo. Este acordo implica unha achega polo IGC de 30.000 euros.

Este convenio establece a realización de diferentes en materias como o reforzo da colaboración coa inspección de consumo en control de mercado, a mellora da información e asesoramento aos consumidores, o fomento do movemento asociativo ou a difusión do Sistema Arbitral de Consumo.

Documentos relacionados



Compartir: