COMERCIO

Compostela Outlet sobrepasou as 20.000 visitas na súa terceira edición

16/03/2009 Compostela Outlet. III Feira do comercio polo miúdo rexistrou unha asistencia de 21.799 persoas. 19.049 eran adultos e o resto, 2.750, menores de 12 anos. Esta cifra é un 28,3% superior á rexistrada en 2007, cando asistiron á feira de saldos 15.624 persoas; e un 27,18% superior a de 2008, cando visitaron a feira de saldos 15.873 persoas.

O concelleiro de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo, Xosé Manuel Iglesias, realizou unha valoración da terceira edición de Compostela Outlet, celebrada o 14 e 15 de marzo no recinto Feiral de Amio. Na súa opinión, o evento "é xa unha opción consolidada e somos das poucas administracións municipais que teñen apostado por unh evento destas características, co beneplácito do sector comercial". Ademais, resaltou a "satisfacción xeralizada" detectada tanto en comerciantes como visitantes nesta edición.

Participaron 85 estabelecementos comerciais de Santiago, pertencentes a 16 sectores de actividade distintos, dos que 77 entregaron a enquisa que lles pasou o domingo pola tarde a organización. Segundo os datos extraídos da enquisa, a valoración xeral que os comerciantes fan de Compostela Outlet sitúase en 7,6 puntos (en 2008 fora de 6,44 puntos). En canto ao grao de satisfacción coas vendas realizadas, é de 5,9 puntos (en 2008 fora de 5,42 puntos).

A estimación de facturación media declarada polos comercios participantes é de 293.387 euros. Esta estimación realizouse establecendo distintos tramos de facturación na resposta da enquisa: menos de 1.000 euros, entre 1.000 e 5.000, entre 5.000 e 7.000, entre 7.000 e 12.000, entre 12.000 e 20.000 e máis de 20.000 euros. A continuación realizouse unha media coas cantidades declaradas.

Para facilitar a asistencia e as compras das máis de 20.000 persoas que visitaron Compostela Outlet, fletaronse autobuses gratutítos cada hora desde a Praza de Galicia, e instalouse un espazo infantil, con servizo de gardería, obradoiros para nenos e dous inchables. Ante a gran afluencia de cativos, a organización tivo que reforzar o servizo de oito monitores co que contaban, incorporando, a maiores, catro persoas máis.

Ademáis, Caixa Galicia desprazou a súa oficina móbil á entrada da feira de saldos. A través desta oficina, asistentes e comerciantes puideron realizar todo tipo de operacións bancarias: reintegros, ingresos, cambio de monedas, etc.

Compartir: