MEDIO AMBIENTE

Novidosa técnica para a rehabilitación das canalizacións da rúa Carvalho Calero

16/03/2009 Na rehabilitación das canalizacións de augas pluviais e residuais da rúa Carvalho Calero estase a empregar unha novidosa técnica que permite reducir tempos e custos. En lugar do sistema empregado habitualmente, utilízase un baseado no revestimento interior con resina epoxi.

A concelleira de Medio Ambiente, Elvira Cienfuegos, visitou as obras na rúa Carvalho Calero acompañada dos responsables técnicos da obra. Alí puido comprobar de primeira man a técnica empregada, consiste na creación da propia canalización sen ter que substituír a existente.

Segundo explicou o responsable das obras, Xosé Manuel Bello, primeiro límpase a canalización deteriorada cun equipo de aspiración, ata deixar a superficie totalmente lisa. Esta primeira fase é realizada cunha mangueira de alta presión, que leva incorporada unha cámara que permite seguir o proceso por un circuíto de televisión.

A segunda fase consiste no recubrimento interior da canalización. Unha manga flexible impregnada de resina epoxi introdúcese polas tuberías mediante auga a presión. Despois, a resina reacciona á auga quente, solidificándose e adaptándose á forma da canalización.

Este sistema permite reducir custos e tempos, porque permite realizar as obras sen ter que abrir a rúa completamente. Así, neste caso da rúa Carvalho Calero, unha actuación que podería durar tres ou catro meses cun sistema tradicional pode rematarse nun mes e medio aproximadamente. Non obstante, os técnicos indican que non é un sistema aplicable a todos os casos, xa que depende do grao de resistencia e deterioro das tuberías existentes.

Este mesmo sistema empregarase para as obras na rede nun tramo da rúa Rosalía de Castro. Na rúa Carvalho Calero as obras afectan a un tramo de aproximadamente 640 metros e teñen un orzamento de 186.000 euros. O seu fin é rehabilitar unhas canalizacións deterioradas, que facían que as augas residuais se filtraran e foran a parar á rede de pluviais que vai en paralelo.

Compartir: