COMERCIO

Case oito mil persoas visitaron Compostela Outlet en nove horas

14/03/2009 Un total de 7.812 persoas visitara, ata as sete da tarde, Compostela Outlet. III Feira do comercio polo miudo, organizada pola Concellaría de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo. En 2007, a cifra, tamén ata as sete da tarde, a afluencia era de 4.500 visitas, ainda que cómpre ter en conta que na edición anterior abriu ao mediodía, e este ano abriu ás dez da mañá.

Na feira de saldos, que se celebra no Recinto feiral de Amio, o sábado 14 e o domingo 15, de dez da mañá a nove da noite, participan 85 estabelecementos comerciais de Santiago. Desenvolvida pola Concellaría de Promoción Económica e Comercio, ten como obxectivo axudar aos estabelecementos de venda polo miúdo de Santiago a liquidar existencias e, ao mesmo tempo, ofrecer aos consumidores produtos de calidade a prezos reducidos. A entrada ao evento custa un euro. Os menores de 12 anos entran de balde.

A terceira feira de saldos que se celebra en Santiago foi inaugurada polo concelleiro de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo, Xosé Manuel Iglesias. Acompañárono o concelleiro de Mercados, Carlos Nieves, e os responsables das asociacións de comerciantes da cidade: Acotés, Compostela Monumental, Fundación Santiago Centro e Asociación de Comerciantes do Barrio de San Pedro.

A maioría dos 85 comercios que participan en Compostela Outlet, 53 en total, (o 62,35%) son tendas de moda: home-muller, infantil e xuvenil. Tamén hai gran variedade de tendas de deportes, de calzado, lenzarías e peletarías. Outros sectores representados son óptica, artesanía, agasallos decoración, cosmética, xoiaría, complementos xoguetarías, floristarías, informática e comercio xusto. Os stands ocupan 1.100 metros cadrados, e están instalados sobre unha superficie de máis de 3.000 metros cadrados, contando os pasillos. Nesta edición os corredores son máis anchos, xa que se permite aos comerciantes expor a mercadoría un metro máis adiante do que ocupa o seu posto.

A esta superficie hai que engadir outros 300 metros cadrados de espazo infantil, no que está instalada unha gardería, obradoiros para nenos e dous inchables. Con capacidade para albergar 60 menores ao mesmo tempo, de entre 2 e 12 anos, é totalmente gratuíto. As familias poderán deixar alí os cativos por espazo de duas horas mentras mercan con tranqulidade. Este servizo conta con oito monitores. Ademáis, para facilitar as compras dos asistentes e as transaccións comerciais dos estabelecementos participantes, Caixa Galicia desplazou unha oficina móbil ao recinto feiral, a través da que se poden realizar todo tipo de operacións bancarias.

A organización de Compostela Outlet está fletando autobuses gratuítos para asistir ao evento. Tanto o sábado coma o domingo, saen ás horas en punto desde a Praza de Galicia, entre as dez da mañá e as oito da tarde. O retorno, dende Amio, tamén ten unha frecunecia dunha hora, entre as dez e media da mañá e as oito e media da tarde.

Compartir: