MULLER

Inaugúrase a mostra que recolle o traballo realizado por un grupo de mulleres no taller "A saúde a través da arte"

12/03/2009 A concelleira de Benestar Social e Muller, Mar Martín, clausurará mañá venres, ás 13:30 horas, o taller A saúde a través da arte. Será no Centro Sociocultural de Fontiñas, onde se inaugurará tamén a exposición Procesos, que recolle o traballo realizado neste taller creativo. Estes dous actos enmárcanse nos actos levados a cabo con motivo da celebración do Día Internacional da Muller o pasado 8 de marzo.

A mostra permanecerá aberta ao público ata o 18 de marzo, facendo así visible para todos os cidadáns o traballo nun taller no que participaron mulleres de todas as idades. A súa finalidade era, a través do proceso creativo con diferentes técnicas plásticas, facer unha reflexión acerca dos procesos internos da persoa, dos seus sentimentos e emocións, co redescubrimento das propias capacidades e habilidades de expresión.

Impartido por Ismael Fraga Rodríguez, o curso converteuse nun verdadeiro espazo de diálogo, encontro e integración. A importancia e a influencia da cor e dos materiais no proceso creativo e no estado anímico da persoa sairon á luz grazas ao traballo con acuarela en base húmida e pastel.

As sesións xiraron en torno a técnicas e temas como os degradados de cor, os círculos cromáticos, a observación da natureza ou os ciclos do ano. A arxila empregouse para lograr a expresión a través do volume e os debuxos e formas serviron como métodos para fortalecer a concentración, traballar o trazo e traballar o ritmo a través da liña.

Coa clausura deste curso, que se viña desenvolvendo dende o 20 de xaneiro e a apertura da exposición, conclúen os actos organizados pola Concellería de Benestar Social e Muller con motivo do Día Internacional da Muller. Antes, o 6 de marzo, celebrárase a "Homenaxe a oito mulleres que abren camiños". Posteriormente, o 8 de marzo realizouse un concerto especial no Teatro Principal, nunha sesión na que tamén se fallou o XVII Premio de Investigación Xohana Torres e se abriu a convocatoria do que agora será o Premio de Ensaio Xohana Torres.

Compartir: