ALCALDÍA

O renovado parque infantil da Alameda incorpora tres áreas de xogos e un circuíto biosaudable

12/03/2009 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, inaugurou a remodelación do parque infantil da Alameda, acompañado da concelleira de Medio Ambiente, Elvira Cienfuegos. Cun investimento de 117.823 euros, o parque conta agora con tres áreas de xogos segundo as idades e cun circuíto biosaudable. A zona estará protexida doutros usos por un valado.

Unha área do parque está destinada a rapaces entre 4 e 12 anos, cun xogo combinado de varias actividades, unha randeeira de cesta e dous xogos de resorte. Outra área dedícase a nenos de 2 a 8 anos e baséase nun multixogo de varias actividades e dous xogos de resorte. Unha terceira área, para nenos de 2 a 6 anos, conta cunha randeeira de dúas prazas e dous xogos de resorte. O chan das tres zonas é continuo de caucho. Hai carteis de información xeral e de idades de uso.

O remodelado parque incorpora tamén un circuíto ao aire libre, con elementos que permiten reunir a grupos, dende adolescentes ata persoas maiores, para realizar exercicios, socializar e divertirse grazas a unha actividade saudable.

Peche disuasorio
O recinto do parque está protexido doutros usos que poidan deixar residuos perigosos, tal como o botellón. A zona está pechada por varios tipos de valos. Na área do circuíto os valos son de postes de madeira e cables de aceiro no interior do seto, mentres que na área infantil utilízanse valos con rede metálica plastificada de 100 centímetros de altura. O valo con portas fixas empregouse nos dous accesos do paseo, mentres que os valos de quita e pon son o sistema elixido para a conda de acceso dende a avenida da Coruña, nos extremos do paseo dos Leóns e no acceso dende o paseo a Santa Susana. A zona ten bancos de madeira e papeleiras.

Na inauguración do parque infantil, o alcalde referiuse ao peche do recinto e recordou que dende que se comezou a valar, xa se vén respectando o parque por parte dos que realizan o botellón nesa zona. Neste mesmo aspecto disuasorio incidiu a concelleira de Medio Ambiente, quen indicou que o peche pretende "contribuír a respectar" este espazo.

Recordou tamén Sánchez Bugallo que Santiago conta con máis de 50 parques e destacou tanto os novos espazos que se veñen creando nos últimos anos como a renovación dos existentes. De xeito inmediato, anunciou Elvira Cienfuegos que, no marco do Fondo de Inversión Local (FIL), se acometerán novos equipamentos en San Lázaro e Salgueiriños, ademais de repoñer o de Vidán. Tamén este ano, fóra do FIL, habilitarase outro parque en Villestro.

Ao respecto da Alameda, o alcalde anticipou que antes de rematar marzo se inaugurarán as novas actuacións que o Consorcio está realizando neste espazo. Trátase de melloras nas canalizacións, no firme e na iluminación. Para máis adiante quedarán as obras que se realizarán no estanque.

Compartir: