TURISMO

Pedro Roca, último convidado ás sesións de "Merco e cociño con..."

10/03/2009 O sábado 14 de marzo, dentro do programa Santiago Repetirás, organizado por Turismo de Santiago, celébrase a derradeira edición dos talleres gastronómicos Merco e cociño con... da man de Pedro Roca. Neste innovador taller os asistentes poden coñecer de primeira man como é unha xornada na vida dun cociñeiro, acompañándoo a realizar a compra dos produtos cos que despois confeccionarán un menú de tempada.

Merco e cociño con... comeza ás 10 da mañá do sábado, cando os 15 asistentes visitarán xunto a Pedro Roca o popular e tradicional Mercado de Abastos de Santiago, onde este lles ensinará como realiza a compra diaria para o seu restaurante. A continuación, no Parador Hostal dos Reis Católicos, os participantes axudarán a este cociñeiro de referencia da cociña compostelá a preparar un menú de tempada, sacando o mellor de cada un dos produtos mercados. A actividade remata coa degustación dos pratos elaborados. As prazas están esgotadas dende hai meses.

Pedro Roca é un cociñeiro de Ferrolterra afincado en Santiago de Compostela dende hai anos, cidade na que acaba de abrir un restaurante que leva o seu nome. A súa cociña caracterizase pola sinxeleza e o dominio do produto de temporada. No seu restaurante conta cun menú degustación Mercado de Abastos, baseado nos produtos que atopa a diario na Praza.

Pedro Roca é o encargado de pechar as sesións de Merco e cociño con..., polas que dende o seu comezo o pasado novembro pasaron prestixiosos cociñeiros galegos coma Iago Castrillón, Beatriz Sotelo, Marcelo Tejedor e Pepe Solla. O sábado 21 de marzo terá lugar a derradeira cata guiada de produtos galegos, nesta ocasión cervexas de Estrella Galicia con queixos da DO Tetilla, e o derradeiro taller gastronómico infantil de Santiago Repetirás.

Con este programa de actividades a Concellaría de Promoción Económica e Turismo ten por obxectivo converter a enogastronomía galega nun dos atractivos da cidade. Os talleres e catas están abertos tanto a composteláns como a turistas, previa reserva de praza en www.santiagorepetiras.com ou no teléfono 902 190 160.

Ademais ata finais de marzo 35 estabelecementos de hostalaría da cidade continuarán ofrecendo menús e tapas da cociña de inverno todas as fins de semana, baseados en pratos típicos desta estación como guisos, potaxes ou caldos.

Compartir: