ALCALDÍA

Chega a Compostela a mostra que conmemora os 25 anos do Consello da Cultura Galega

10/03/2009 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, inaugurou no Museo do Pobo Galego a exposición Galicia 25. Unha cultura para un novo século, organizada polo Consello da Cultura Galega con motivo do 25 aniversario da súa creación.

Segundo se apunta no libro que acompaña á exposición, esta é "un balance e unha proposta de futuro", que axudará "a facer ese preciso alto no camiño dentro dunha longa marcha: ollar o treito percorrido e albiscar os outeiros que, cara adiante, cómpre remontar, levando a cultura galega a un novo século". Con ese obxectivo conformaron a mostra os seus comisarios, Víctor F. Freixanes, Henrique Monteagudo e Iago Seara, membros todos do Plenario do Consello da Cultura Galega.

A exposición está estruturada baixo as denominacións "formas e espazos", "palabras, imaxes e sons" e "fíos e desafíos". Abrangue arquitectura e identidade, cultura ambiental, espazos da comunicación, deseño e industria, historias debuxadas, o valor do patrimonio, a creación, a sociedade do coñecemento, os sons do lugar, o territorio luminoso das palabras, a festa dos mais novos, o libro, imaxes e ficcións, artes escénicas e as diferentes posibilidades e presenzas de Galicia no mundo.

Compartir: