CULTURA

A Biblioteca Compostela de Narrativa Europea edita catro novos títulos

10/03/2009 A Biblioteca Compostela de Narrativa Europea saca á luz catro novos títulos. Esta iniciativa da Concellaría de Cultura e a Editorial Galaxia permite desta vez traducir ao galego Sardinia Blues, de Flavio Soriga; A elegancia do ourizo, de Muriel Barbery; O castelo branco, de Orhan Pamuk; e O caderno dourado, de Doris Lessing.

A concelleira de Cultura, Socorro García Conde, presentou o lanzamento destes catro novos títulos, que veñen a referendar, segundo indicou, "unha aposta seria e estable que conta xa con 14 títulos e está a pór en contacto o noso país coa literatura universal. Isto é posible a través da tradución ao galego de obras de primeiro nivel internacional que chegan aos lectores por vez primeira na nosa lingua.

Pola súa parte, o director da editorial Galaxia, Víctor Freixanes, agradeceu a "sensibilidade" da Concellaría de Cultura coa Biblioteca Compostela de Narrativa Europea, unha iniciativa que permite ao galego "competir con outras linguas europeas" a través da literatura. "O Camiño de Santiago esténdese así polos camiños da cultura e da palabra do mundo", apuntou, recordando que o papel da nosa cidade como capital cultural e canle universal de cultura.

Obras de referencia na literatura universal
O director editorial de Galaxia, Carlos Lema, presentou as catro novidades da colección e anunciou novas traducións ao longo do ano 2009. Así, comentou a edición en galego de dúas obras cuxos autores teñen gañado o premio Nobel. Do turco Orhan Pamuk traduciuse O castelo branco, e de Doris Lessing O caderno dourado, ambas as dúas obras de referencia obrigada na literatura universal contemporánea.

O terceiro título presentado é A elegancia do ourizo, de Muriel Barbery, unha obra que combina calidade literaria e éxito comercial e que se sitúa como unha das novelas máis lidas dos últimos tempos a nivel continental. Por último, a Biblioteca Compostela comprométese cunha aposta minoritaria como é a tradución ao galego de Sardinia Blues, última obra do autor sardo Flavio Soriga, que se edita por vez primeira nun idioma que non sexa o italiano.

Lema adiantou tamén algunhas das próximas novidades da colección. A primeira tradución vai chegar no mes de abril coa edición en galego de O museo da inocencia, de novo do turco Orhan Pamuk. Xa en novembro sairá Sona, de Daniel Kehlmann. Ademais, ao longo de 2009, Galaxia sacará á venda en galego The Night Watch premio de Novela Europea Casino de Santiago 2008, da escritora británica Sarah Waiters.

Compartir: