COMERCIO

Compostela Outlet contará con actividades infantís e servizo de gardería

09/03/2009 Compostela Outlet contará cun espazo infantil con capacidade para albergar 60 menores ao mesmo tempo, de entre 2 e 12 anos, coa finalidade de facilitar as compras ás familias que asistan á feira de saldos, que se celebrará o 14 e 15 de marzo no Recinto Feiral de Amio, en horario de dez da mañá a nove da noite.

Este espazo infantil, que contará con oito monitores, dividirase en tres partes: un servizo de gardería para os máis pequenos, tres talleres infantís que irán rotando, e dous inchables. As nais e pais poderán deixar alí aos seus fillos por espazo de duas horas. Así, mentras os nenos e nenas se divirten e aprenden ao mesmo tempo, eles poden realizar as súas compras con tranquilidade. Este servizo é gratuíto.

85 estabelecementos comerciais formalizaron a preinscripción para participar en Compostela Outlet. III Feira do Comercio polo miudo, deseñado pola Concellaría de Promoción Económica e Comercio no marco do programa de actividades organizado baixo o lema Marzo, mes do comercio, que tamén inclúe a IV Gala do Comercio, que se celebrará o 31 de marzo no Teatro Principal, formación para os comerciantes, e animación en rúa. Estas actividades teñen un dobre obxectivo: dinamizar o sector despois dun intenso período de rebaixas e darlle o protagonismo que lle corresponde polo seu peso económico e social na cidade.

Compostela Outlet está dirixido aos estabelecementos comerciais de Santiago, excepto os do sector da alimentación. Coas solicitudes presentadas queda cuberta a superficie de exposición e venda subvencionada pola Concellaría de Promoción Económica e Comercio, establecida en 900 metros cadrados.

A organización do III Compostela Outlet foi adxudicada á empresa Adelante, Eventos y Servicios. Para calquera tipo de dúbida sobre a participación, organización ou desenvolvemento da feira de saldos, os estabelecementos que realizaron a preinscrición deben dirixirse ao teléfono desta empresa: 986 573 600. A entrada ao evento costará un euro, igual que o ano pasado. Os enores de 12 anos entran de balde.

Compartir: