MULLER

O Concello doa os 3.000 euros do premio Xohana Torres á Asociación de Viúvas Rosalía de Castro

08/03/2009 Con motivo da celebración do Día Internacional da Muller o Concello de Santiago de Compostela deu a coñecer hoxe, 8 de marzo, o fallo do premio de investigación Xohana Torres, que nesta ocasión quedou deserto. A contía do galardón, 3.000 euros, será doada á Asociación de Viúvas "Rosalía de Castro".

Despois dun concerto especial ofrecido pola Banda de Música Municipal do Concello de Santiago no que se interpretaron composicións realizadas por mulleres como o Poème du feu, de Ida Gotkovsky, ou dedicadas a elas como a Pavana para unha infanta difunta, de Maurice Ravel, e no que se contou co acompañamento vocal da soprano Aida López, procedeuse a dar a coñecer o fallo do premio de Investigación Xohana Torres no ambigú do Teatro Principal.

Nesta ocasión o xurado decidiu deixar deserto o galardón e a concelleira de Benestar Social e Muller, Mar Martín, acompañada polo alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo; polo vicerreitor de Comunidade Universitaria e Compromiso Social, José Manuel Mayán Santos; e pola secretaria do xurado, Amparo Verdú, anunciou o destino dos 3.000 euros cos que está dotado o premio: serán para a Asociación de Viúvas "Rosalía de Castro".

No mesmo acto presentouse a convocatoria da nova edición do galardón, que pasa a ser de ensaio. Este premio contribúe dende 1993 ao coñecemento sobre as mulleres que tiveron unha marcada incidencia na vida da nosa comunidade, tanto no momento actual como no pasado. Leva o nome de Xohana Torres, poeta, dramaturga e novelista nada en Santiago de Compostela en 1931.

Tamén se abriu neste acto o Concurso de ideas sobre a corresponsabilidade familiar das tarefas domésticas. Está dirixido ao alumnado do segundo e terceiro ciclo da Educación Primaria Obrigatoria e conta cun orzamento de 2.000 euros. O prazo para presentar os traballos vai do 8 de marzo ao 8 de maio.

Os actos con motivo do Día da Muller pecharanse o venres 13, coa clausura das xornadas sobre saúde e muller que se veñen desenvolvendo no Centro Sociocultural de Fontiñas. Será ás 13:30 horas.

Compartir: