EMPREGO

O alumnado do Persoa IV visita as depuradoras da Silvouta e do Tambre e o Punto Limpo do polígono industrial

06/03/2009 Unha delegación de 45 persoas, entre alumnado do Proxecto Persoa IV, técnicos do Concello e persoal docente, visitou a Estación de Tratamento de Auga Potable, o Punto Limpo situado no Polígono Industrial do Tambre e a depuradora da Silvouta. O Persoa IV é un programa de inserción laboral que está desenvolvendo a Concellaría de Promoción Económica e Emprego. Este proxecto contempla formar a 120 desempregados/as en dúas quendas de 60 persoas, en especialidades centradas nos servizos e coidados persoais, consideradas novos xacementos de emprego.

O alumnado dos cursos de Especialista en atención ás persoas maiores e discapacitadas, Especialista en mediación familiar e socioeducativa na resolución de conflitos e Dirección e xestión de centros de atención a maiores visitou en primeiro lugar a Estación de Tratamento de Auga Potable do Tambre, que abastece de auga á cidade de Santiago. A continuación, sobre as 11 da mañá, dirixíronse ao Punto Limpo situado no Polígono Industrial do Tambre, onde se reciclan e tratar residuos perigosos e voluminosos, como pilas, fluorescentes, mobles, electrodomésticos, etc.

A visita rematou na EDAR, a Estación Depuradora de Augas Residuais da Silvouta. O obxectivo desta saída, enmarcada no módulo de formación transversal Fomento, coidado, e respecto do Medio Ambiente, era concienciar ao alumando sobre o uso racional da auga, un ben escaso; e explicarlle a importancia do tratamento e reciclaxe de residuos para contaminar o menos posible.

O Persoa IV ten como obxectivo promover a integración laboral de persoas desempregadas, a través da súa participación nun proceso integral de inserción (formación, prácticas en empresas e apoio á colocación) en ocupacións consideradas novos xacementos de emprego. Está dirixido a distintos colectivos, sobre todo persoas menores de 30 anos e maiores de 45, desempregadas/os de longa duración e mulleres que abandonaron o mercado laboral e queren reinsertarse. Este proxecto experimental de emprego focaliza a súa atención nos servizos persoais a coidadores de persoas maiores, de persoas enfermas e discapacitadas, e de nenos/as.

As persoas que participan no Persoa IV reciben unha beca de asistencia de 325 euros ao mes durante o período de formación teórica e práctica en empresa. No Proxecto Persoa III, desenvolvido tamén pola Concellaría de Promoción Económica, accederon ao mercado laboral a través de contratos de diferente duración, 103 das 105 persoas participantes.

Compartir: