MULLER

A Banda Municipal de Música ofrece un concerto especial con motivo do Día Internacional da Muller

06/03/2009 O domingo 8 de marzo, celébrase o Día Internacional da Muller. Con ese motivo a Banda Municipal de Música preparou un programa especial, en colaboración coa Concellaría de Benestar Social, no que se van interpretar obras realizadas por mulleres ou dedicadas a elas, contando coa presenza da soprano Aida López. Despois do concerto, fallarase o Premio de Investigación Xohana Torres.

Na primeira parte do concerto a formación tradicional da Banda interpretará composicións realizadas por mulleres como o Poème du feu, de Ida Gotkovsky ou dedicadas a elas como a Pavana para unha infanta difunta, de Maurice Ravel. A segunda parte do concerto contará co acompañamento vocal da soprano Aida López, que se engargará de pórlle voz a pezas tan emotivas como o Ave María de Schubert ou a Negra Sombra de Rosalía de Castro, con música de Xoán Montes.

Aida Lopéz Carrera naceu na Habana (Cuba) en 1972. Inicia os seus estudos á idade de 6 anos, acadando o título de Dirección de Coros (nivel medio) no 1991. En 1997 remata a Licenciatura de Música na especialidade de Canto Lírico, no Instituto Superior de Arte de La Habana. É integrante do Orfeón Terra Nosa, do seu coro de Cámara, do taller de canto e da Capilla da Catedral de Santiago, baixo a dirección de Miro Moreira. Actuou como soprano solista no Mesías de Händel, Messe Basse de Fauré, Membra Jesé Nostri de Buxtehude, etc. Actuou en diversas cidades de España e Portugal, así coma no Festival de Primavera de Praga. Na actualidade é profesora de Canto no Conservatorio Profesional de Música de Santiago.

A continuación do concerto, no ambigú do Teatro Principal, fallarase o Premio de Investigación Xohana Torres e presentarase a convocatoria da nova edición do galardón, que pasa a ser de ensaio. Este premio contribúe dende 1993 ao coñecemento sobre as mulleres que tiveron unha marcada incidencia na vida da nosa comunidade, tanto no momento actual como no pasado. Leva o nome de Xohana Torres, poeta, dramaturga e novelista nada en Santiago de Compostela en 1931.

Compartir: