RELACIÓNS VECIÑAIS

Seminarios de formación para o movemento asociativo veciñal de Compostela

13/10/2005 Co obxectivo de mellorar o coñecemento que sobre o funcionamento da Administración Municipal teñen as entidades veciñais, así como a súa capacidade de interlocución cara á mesma, a concellería de Relacións Veciñais pón en marcha unha serie de seminarios sobre o funcionamento organizativo da Administración Local.

A concellería de Relacións Veciñais pón en marcha unha serie seminarios sobre o funcionamento organizativo da Administración Local coa finalidade de dotar ás asociacións de coñecementos prácticos sobre os procedementos e as dinámicas de traballo que se establecen nas Administracións Públicas.

Con estes seminarios quérese dar un paso cara o afondamento democrático da Administración Local; o coñecemento das pautas xurídico-políticas establecidas nos procedementos administrativos, e das canles e métodos de comunicación co cidadán, considérase un elemento central para a mellora da capacidade de interlocución entre a cidadanía e a entidade municipal.

Os obxectivos dos seminarios de formación son analisar o funcionamento da administración local, identificar potencialidades para o seu desenvolvemento no tocante ás demandas dos cidadáns e establecer canles de interlocución entre os diferentes actores implicados e analizar a evolución das demandas cidadás con respecto á administración local, avaliando o papel que podan ter estas demandas no deseño e planificación da xestión administrativa.

Temática e calendario
Cada seminario terá unha duración de tres horas. Comezarán o 28 de outubro cunha xornada na que se falará sobre servizos básicos, obras e infraestruturas. O 30 de novembro será o turno dos servizos de igualdade e benestar social e o 16 de decembro dos servizos de cultura e deportes.

Esquema de traballo
Os seminarios estruturaranse a partir das necesidades de información que sexan detectadas no propio movemento veciñal e apoiaranse na realización dun informe previo que aporte datos sobre o marco, características e funcionamento dos servizos municipais analizados.

Con este obxecto, e con carácter previo, realizarase unha análise documental e bibliográfica, entrevistas a membros do tecido asociativo veciñal e entrevistas a expertos na materia abordada (Universidade, etc.), así como aos responsables políticos e técnicos dos servizos analizados.

Posteriormente realizarase un informe resumo que será enviado aos participantes no seminario, como apoio aos traballos a desenvolver.

Programa de traballo en cada seminario:
En cada seminario analisaranse as necesidades e demandas da veciñanza en relación á temática do seminario e describiranse, para cada un dos servizos municipais a súa estrutura organizativa, procedementos, recursos materiais, orzamentarios e de persoal.

Tamén se analisarán as canles de participación e relación que ten o servizo cara á cidadanía e ás asociacións veciñais, e do papel que poden xogar no futuro.

Con este obxecto, o seminario contará coa participación, en calidade de relatores, de técnicos municipais e expertos na materia analizada.

Ao remate dos seminarios, as conclusións e propostas recolleranse nun informe de síntese, que será facilitado aos participantes e aos departamentos municipais.

Compartir: