MULLER

O Concello homenaxea a oito mulleres que romperon barreiras en novos ámbitos laborais

06/03/2009 A ministra de Medio Ambiente, Medio Rural e Mariño, Elena Espinosa, e o alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, presidiron o acto de homenaxe a 8 Mulleres que abren Camiños, con motivo da celebración, o 8 de marzo, do Día Internacional da Muller. Recoñeceuse así o labor de oito mulleres que romperon barreiras en ámbitos laborais novos e que dedicaron e/ou dedican a súa vida ao traballo e á innovación.

Esta foi a terceira ocasión que, con motivo da celebración do Día Internacional da Muller, o Concello celebra unha homenaxe a mulleres que, desde distintos ámbitos contribuíron a facer un mundo máis igualitario. Se en 2007 as protagonistas foron investigadoras de ciencias formais e naturais, e en 2008 científicas de disciplinas humanas en sociais, nesta ocasión a homenaxe realizouse a oito mulleres que traballaron noutros campos, non tan directamente relacionados coa investigación científica, pero que foron igualmente mulleres emprendedoras, comprometidas e afoutas, que levaron a súa voz ao espazo público, a lugares onde nunca estivera, segundo destacou a presentadora do acto, a xornalista Marga Pazos.

"As homenaxeadas son mulleres que visibilizan a todas as que fan que o excepcional se converta en normal e o heroico en cotián. O seu traballo, ás veces silencioso, e a súa loita, é individual e colectiva. Cada pequeno paso abre un pequeno espazo ás demais. Son, xa que logo, unha valiosa referencia para as novas xeracións", engadiu.

Destacados currículos
Nun acto presentado pola xornalista Marga Pazos e amenizado musicalmente por Najla Shami e Héctor Lorenzo, as oito mulleres homenaxeadas foron as protagonistas. Delas leuse o seu currículo e elas tiveron a ocasión de expresar a súas reivindicacións como mulleres e de agradecer o recoñecemento.

De María Esporas Rodríguez destacouse o seu labor como oficial na comisaría da Policía Nacional do Concello de Santiago de Compostela, exercendo a súa labor no Servizo de Atención á Familia. Ela foi a primeira galega seleccionada para unha misión na ONU, exercendo como responsable dun importante grupo de policías nacionais destinados en Haití, polo que foi condecorada. Noutro ámbito, o do dereito foral, salienta Milagros Rodríguez Martínez, unha das primeiras mulleres colexiadas no Colexio de Avogados de Santiago, e pioneira en abrir camiño na política a outras mulleres, formando parte da primeira corporación democrática en 1979.

Pola súa parte, Marisa López López, agora xubilada, foi a primeira muller habilitada nacional de secretaria do Concello. Outra homenaxeada, María Jesús Montero Pardo, posúe entre outros méritos o de ter sido a primeira Rexistradora da Propiedade. Hoxe é titular de Rexistro Número 2 da Coruña.

Daría Vilariño destaca polo seu labor como impulsora da Rede de Bibliotecas da USC, mentres que María José Justo é actualmente a directora do Arquivo Histórico da USC. Ela foi unha muller que soubo modernizar o arquivo histórico e darlle a categoría que merece.

Tamén meritoria é a traxectoria de Rita Radl Philipp, profesora titular de Socioloxía na USC e presidenta do Comité de Investigación Nacional: Socioloxía do Xénero. Foi a responsable da introdución das primeiras materias sobre a temática das mulleres e xénero nos plans de estudio. Noutro ámbito completamente diferente destacou Camen Suárez Beiroa, a condutora de autobús urbano con máis antigüidade na empresa Tralusa. Comezou a súa carreira profesional hai oito anos, cando só desempeñaba o mesmo oficio unha única muller, por desgraza xa falecida.

Os agasallos foron entregados pola concelleira de Benestar Social e Muller, Mar Martín; polo reitor da Universidade de Santiago, Senén Barro; polo alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo; e pola ministra de Medio Ambiente, Medio Rural e Mariño, Elena Espinosa. Tras os agasallos, pecharon o acto as intervencións do alcalde e da ministra.

Día Internacional da Muller
Os actos continuarán o propio Día Internacional da Muller, o domingo 8 de marzo, no Teatro Principal. Primeiro, a Banda Municipal ofrecerá un concerto especial, no que interpretará obras realizadas por mulleres ou dedicadas a elas, contando ademais coa presenza da soprano Aida López para por voz ás catro pezas que compoñen a parte vocal do programa.

Na primeira parte do concerto, a Banda interpretará composicións realizadas por mulleres como o "Poème du feu" de Ida Gotkovsky, ou dedicadas a elas como a "Pavana para unha infanta difunta" de Maurice Ravel. Na segunda parte, Aida López interpretará pezas tan emotivas como o "Ave María" de Schubert ou a "Negra Sombra" de Rosalía de Castro, con música de Xoán Montes.

A continuación, fallarase o XVII Premio de Investigación Xohana Torres. Presentarase tamén a convocatoria da nova edición do galardón, que pasa a ser de ensaio. Este premio contribúe dende 1993 ao coñecemento sobre as mulleres que tiveron unha marcada incidencia na vida da nosa comunidade, tanto no momento actual como no pasado. Leva o nome de Xohana Torres, poeta, dramaturga e novelista nada en Santiago de Compostela en 1931.

Tamén se abrirá neste acto o Concurso de ideas sobre a corresponsabilidade familiar das tarefas domésticas. Está dirixido ao alumnado do segundo e terceiro ciclo da Educación Primaria Obrigatoria e conta cun orzamento de 2.000 euros. O prazo para presentar os traballos vai do 8 de marzo ao 8 de maio. Despois, o alcalde compostelán recibirá en Raxoi aos colectivos de mulleres.

Os actos con motivo do Día da Muller pecharanse o venres 13, coa clausura do taller "A saúde a través da arte" e coa inauguración da exposición "Procesos" a cargo da concelleira de Benestar Social e Muller, Mar Martín García. A exposición permanecerá aberta no Centro Sociocultural de Fontiñas ata o 18 de marzo.

Compartir: