ALCALDÍA

O alcalde agarda que Defensa e AENA fixen de inmediato unha data para o inicio das obras da nova terminal de Lavacolla

06/03/2009 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, insistiu de novo que, respecto á nova terminal de Lavacolla, "a prioridade é que se poña a data de ocupación dos terreos e comecen as obras". Así llo transmitiu en sendas conversas á presidenta de AENA, Encarnación Vivancos, e ao secretario de Estado de Defensa, Constantino Méndez.

Sánchez Bugallo agarda que na vindeira semana AENA e o Ministerio de Defensa poidan chegar a un acordo para fixar a data de ocupación dos terreos. Sobre este tema falará directamente o alcalde con Constantino Méndez nunha xuntanza nos próximos días. Recoñeceu "vontade de colaboración" tanto deste como da presidenta de AENA, que mesmo lle manifestou a necesidade que ten o organismo aeroportuario de comezar as obras, xa que de retrasarse poderían derivar nunha revisión de prezos por parte da empresa adxudicataria.

En calquera caso, reiterou, "non pode ser que quede bloqueada por ningún tipo de razón un investimento de máis de 200 millóns de euros", en alusión ás obras da terminal e tamén doutras como as da plataforma de aeronaves, recentemente licitada.

Sobre a conversa co secretario de Estado de Infraestruturas, indicou que este lle trasladou a "imposibilidade de vender directamente os terreos a unha entidade privada como o Aero Club". A este respecto, o alcalde afirmou que "existen interpretacións diferentes dunha Lei que é pouco concreta na súa redacción".

O Ministerio ofreceulle ao Concello conveniar esa venta, a situación que en realidade xa se plantexara ano e medio atrás, recordou Sánchez Bugallo. O Concello –dixo– está disposto a retomar esa vía, que en todo caso pasaría por un sistema concesional para o campo de golf. "Pero en ningún caso isto pode servir de desculpa para paralizar a obra", concluíu.

Goberno municipal reforzado
A propósito das eleccións autonómicas do 1 de marzo, o alcalde aproveitou a súa rolda de prensa semanal para manifestar a "profunda vontade de todos os integrantes do Goberno municipal de seguir traballando en equipo". Neste sentido, destacou a "base sólida" existente e o acordo respecto a un "proxecto común", complementado mesmo cunha "relación persoal moi boa".

Pesar pola morte de Santiago García Baliña
Sánchez Bugallo tamén tivo palabras de condolencia para a familia de Santiago García Baliña polo seu falecemento. Transmitiulles aos seus achegados o seu "sentimento de afecto e solidariedade" e expresou o seu desexo de que "as novas xeracións dirixan os destinos de FINSA con tanto éxito como as dúas anteriores".

Compartir: