COMERCIO

A organización do Compostela Outlet fletará autobuses gratuítos para asisitir á feira

05/03/2009 A organización fletará autobuses gratuitos para facilitar o desprazamento daquelas persoas que desexen asistir á terceira edición de Compostela Outlet, que se celebrará o 14 e 15 de marzo no Recinto Feiral de Amio. Desenvolvida pola Concellaría de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo, o evento ten como obxectivo axudar aos estabelecementos de venda polo miúdo de Santiago a liquidar existencias, e ao mesmo tempo, ofrecer aos consumidores produtos de calidade a prezos reducidos.

Os autocares realizarán o percorrido entre a Praza de Galicia e o recinto feiral de Amio. Deste xeito poderanse adecuar aos horarios da feira de saldos, que abrirá as suas portas o 14 e 15 de marzo entre as 10:00 e as 21:00 horas.

• Praza de Galicia: tanto o sábado, 14 de marzo, como o domingo 15 de marzo, está previsto que saia un autobús da Praza de Galicia cada hora, ás horas en punto, entre as 10:00 e as 20:00 horas.
• Recinto feiral de Amio: tanto o sábado, 14 de marzo, como o domingo 15 de marzo, está previsto que saia un autobús do recinto feiral de Amio cada hora, entre as 10:30 e as 20:30 horas.

85 estabelecementos comerciais formalizaron a preinscripción para participar en Compostela Outlet. III Feira do Comercio polo miudo, deseñado pola Concellaría de Promoción Económica e Comercio no marco do programa de actividades organizado baixo o lema Marzo, mes do comercio, que tamén inclúe a IV Gala do comercio, formación para os comerciantes e animación en rúa. Todas estas actividades teñen un dobre obxectivo: dinamizar o sector despois dun intenso período de rebaixas, e darlle o protagonismo que lle corresponde polo seu peso económico e social na cidade.

A organización do III Compostela Outlet foi adxudicada á empresa Adelante, Eventos y Servicios. Para calquera tipo de dúbida sobre a participación, organización ou desenvolvemento da feira de saldos, os estabelecementos que realizaron a preinscripción deben dirixirse ao teléfono desta empresa: 986 573 600. A entrada ao evento costará un euro, igual que en 2008. Os menores de 12 anos entran de balde.

Compartir: