COMERCIO

O comercio compostelán volve a ser protagonista no mes de marzo

04/03/2009 O concelleiro de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo, Xosé Manuel Iglesias, presentou o programa de actividades de Marzo, mes do comercio. Este programa ten un dobre obxectivo: dinamizar o sector despois dun intenso período de rebaixas, e darlle o protagonismo que lle corresponde polo seu peso económico e social na cidade, xa que é unha referencia de calidade tanto para os composteláns coma para a potencial clientela da área de Compostela e da euro-rexión Galicia-Norte de Portugal.

O programa Marzo, mes do comercio constitúe unha expresión concreta nun período temporal determinado da campaña promocional Compostela, capital de compras. Vénse desenvolvendo dende o ano 2007. Nas distintas actividades programadas nas dúas primeiras edicións participaron unhas 40.000 persoas, sumando os asistentes á Compostela Outlet, Gala do Comercio, exposicións, conferencias, etc.

III Compostela Outlet
O programa Marzo, mes do comercio 2009 contempla a celebración do III Compostela Outlet. Celebraráse o 14 e 15 de marzo no Recinto feiral de Amio. Esta feira de saldos está organizada co obxectivo de axudar aos estabelecementos de venda polo miúdo a liquidar existencias, e ao mesmo tempo, ofrecer aos consumidores produtos de calidade a prezos reducidos.

A petición do sector, este ano ampliase o horario de apertura. Tanto o sábado como o domingo abrirá de 10:00 a 21:00 horas. Nas dúas primeiras edicións, o primeiro día abrira ás 13:00 horas. Tamén, por primeira vez, os comercios participantes poderán escoller entre stands de dúas superficies distintas: de 6 ou de 10 metros cadrados.

Como en antos anteriores, no recinto feiral de Amio habilitarase un espazo lúdico para os máis pequenos, con coidadores especializados, para que os adultos merquen con tranquilidade. Ademais, fletaranse autobuses gratuítos desde a praza de Galicia para facilitar a asistencia.

IV Gala do Comercio
Outro acontecemento do mes será a IV Gala do Comercio Compostela, capital de compras, que terá lugar o 31 de marzo no Teatro Principal. Esta cita anual do sector ten como obxectivos fortalecer os lazos entre os comerciantes de Compostela, recoñecer o seu labor e transmitir a importancia do sector á cidadanía, tanto a nivel social como económico.

Durante a gala distinguirase aos comercios premiados en programas desenvolvidos durante o 2008 pola Concellaría de Promoción Económica e Comercio, e recoñecerase a traxectoria de cinco estabelecementos comerciais da cidade, mediante unha homenaxe aos seus propietarios. Os comercios e asociacións comerciais teñen de prazo ata o venres 6 de marzo para presentar as solicitudes á convocatoria de homenaxeados.

Concurso de escaparatismo, formación e animación de rúa
Tamén no marco deste programa está o VI Concurso Municipal de Escaparatismo SCQ Shopping na súa edición de Primavera. A convocatoria abrirase a partires do 16 de marzo. Os comercios premiados no certame contarán cunha campaña de promoción publicitaria gratuíta a nivel local. Valórase a orixinalidade, ambientación e eficacia da mensaxe e da imaxe que transmite tanto o escaparate como o interior do estabelecemento.

Están previstas tamén varias accións formativas para os comerciantes en idiomas, informática e xestión empresarial. Para facilitar a participación do sector comercial, a formación en idiomas (inglés) impartirase no propio estabelecemento, adaptándoa ás necesidades do comercio. O resto de accións formativas realizaranse a través da modalidade de teleformación.

Finalmente, como na anterior edición de Marzo, mes do comercio, zancudos e malabares repartirán 4.000 dípticos para informar a comerciantes e cidadanía sobre o programa de actividades de Marzo, mes do comercio.

Promoción
Para promocionar todas estas actividades, e co obxectivo de recoñecer a importancia do sector na economía e na configuración social de Compostela, tamén se distribuirá entre comerciantes e cidadanía a revista Marzo, mes do comercio. Como nas dúas edicións anteriores, editaranse 4.000 exemplares. Ademáis realizarase unha intensa campaña de difusión do programa.

Compartir: