URBANISMO

Santiago lanza en Romanía un programa de análise e estudo da vivenda social en Europa

03/03/2009 A concelleira de Urbanismo, Mercedes Rosón, presidirá o mércores 4 de marzo en Iasi, capital histórica da rexión de Moldavia e segunda cidade máis importante de Romanía, a inauguración oficial do lanzamento do proxecto europeo SUITE de análise e estudo da situación da vivenda social en Europa. Na inauguración estará acompañada polo alcalde anfitrión, o Gheorghe Nichita, o director do Programa Europeo URBACT que colabora no cofinanciamento deste proxecto, e as demais cidades que forman a rede.

Nesta primeira reunión oficial participarán as dez cidades socias; outras cidades como Albacete e Bacau, que asistirán como observadoras; a Secretaría do Programa URBACT, que ten á súa sede en Francia; o responsable de fondos europeos de Romanía, o Sr. Jitaru; un responsable da Axencia de Protección Ambiental Rexional que é o coordinador dun programa de irmandamento europeo no que participa Sogama e outras personalidades do país. Tamén participarán no encontro dous arquitectos que colaboran como expertos asociados ao proxecto, a arquitecta vienesa Heidrun Feigelfeld e o arquitecto italiano Paolo Motta.

Durante as xornadas de traballo, Santiago de Compostela, como xefe de fila, presentará os resultados obtidos ata o de agora dende a primeira fase de desenvolvemento do proxecto ata a súa concesión oficial o mes de xaneiro. O mércores 4 de marzo presentarase tamén oficialmente un estudio da situación da vivenda social a nivel europeo nas dez cidades socias do proxecto: Santiago como xefe de Fila; en Reino Unido, Newcastle e Medway; en Alemaña, Hamburgo; Iasi en Romanía, Cracovia e Siemianowice Slaskie en Polonia; as francesas Nantes e Rennes; e a capital de Estonia, Tallin.

Vivendas asequibles e sostibles
Durante a xornada do xoves 5 de marzo presentaranse os retos para a segunda fase. Os principais obxectivos da rede SUITE son cooperar entre os socios para optimizar a produción sostible e asequible da oferta de vivenda e asegurar a cohesión social a través da mestura social e da vivenda adecuada. Estes temas plantexan un reto social maior: a desigualdade no acceso á vivenda como parte dun problema máis amplo de exclusión social e urbana. Ante esta situación as autoridades públicas deben poñer en marcha políticas innovadoras que garantan vivendas asequibles con altos estándares de calidade e ambientalmente sostibles, para promover a inclusión social da poboación e a integración urbana dos barrios nas cidades.

A rede que preside Santiago foi moi ben valorada na súa primeira fase polo Comité de Pilotaxe do programa europeo URBACT, onde destacaron especialmente a temática abordada, moi de actualidade. De feito, este proxecto coincide coas últimas conclusións derivadas do encontro de ministros de Vivenda, e onde CECODHAS, que colabora como entidade asociada no SUITE, enviou unha mensaxe aos líderes europeos solicitando inversión pública en vivenda social como un elemento clave para ofrecer unha resposta á actual crise económica e financeira mundial. A provisión de vivenda social pasou a converterse nunha obriga para todos os decisores políticos, sendo este o reto ao que se dirixe o proxecto SUITE.

CECODHAS tamén propuxo no marco do Programa Urbact a edición dunha publicación europea sobre a vivenda na que a concelleira Mercedes Rosón, como xefa de Fila deste proxecto, formaría parte do seu comité editorial, xunto coa experta asociada, Heidrun Feigelfeld, e outras entidades asociadas ao proxecto SUITE como o Grupo de Vivenda de Eurocities, Feantsa e a IUT.

Compartir: