XUNTA DE GOBERNO

Ábrense os prazos de admisión nas escolas infantís de Conxo e Fontiñas

03/03/2009 A Xunta de Goberno aprobou os prazos de admisión das escolas infantís municipais de Conxo e Fontiñas. Na sesión tamén se abriu o proceso de licitación dun dos dous proxectos pendentes incluídos no Fondo Estatal de Inversión Local.

O prazo de presentación de solicitudes de reserva e traslado nas dúas escolas estará aberto ata o 10 de marzo. O 12 de marzo exporanse publicamente nos taboleiros de anuncios do Concello e das propias escolas a lista de reservas e traslados, así como o de prazas vacantes por unidades.

Do 15 de marzo ao 15 de abril abrirase o prazo para a presentación de solicitudes de novo ingreso. A documentación a presentar será: certificado de empadroamento, libro de familia ou carta de familia numerosa, documento de identidade do solicitante, acreditación de situacións familiares que incidan na valoración da solicitude, xustificación de ingresos da unidade familiar e informe do organismo competente sobre a necesidade de integración no caso de nenos ou nenas con discapacidades físicas, psíquicas ou sensoriais. As solicitudes presentaranse no Rexistro Xeral do Concello (rúa do Presidente Salvador Allende, 4 – Galeras)

Expostas a relación provisional de admitidos e as listas de espera, abrirase un período de dez días para reclamacións. Elaboraranse as listas definitivas e establecerase un prazo de matrícula para todo a alumnado do 1 ao 15 de xuño.

Tamén en materia de Educación, o Goberno local aprobou a composición do xurado do II Premio Internacional Compostela de Albums Ilustrados. Estará presidido polo alcalde, Xosé A. Sánchez Bugallo, e integrado por: Esther Tusquets, escritora; Luis Mendoça, artista plástico; Xosé Cobas, ilustrador; Xosé M. Rodríguez-Abella, xefe do Departamento de Educación do Concello; e Manuela Rodríguez, de Kalandraka. Actuará como secretaria a técnica de Ecuación do Concello Beatriz Varela.

Ademais, adxudicáronse as obras de mantemento a realizar nos CEIPS composteláns por un importe de 49.561 euros máis IVE.

Fondo estatal
Na sesión da Xunta de Goberno abriuse tamén o proceso de licitación dun dos últimos dous proxectos pendentes incluídos no Fondo Estatal de Inversión Local. Trátase do de reforma e acondicionamento dos centros socioculturais de Conxo, A Trisca, Vite, Amio, Busto, Marantes, Grixoa, Nemenzo e Lamascal. O investimento será de 259.000 euros máis IVE.

Unicamente queda pendente de aprobación na seguinte Xunta de Goberno o proxecto para a dotación de acceso a internet a través da rede Wimax nas parroquias de San Martín de Aríns e Santa María de Figueiras.

Rehabilitación
No ámbito da Concellería de Rehabilitación e Cidade Histórica, aprobáronse definitivamente tres axudas para vivendas situadas no Preguntoiro e en Vista Alegre, por importe de 44.201, 15.088, e 8.316 euros, respectivamente. Tamén se deu o visto bo definitivo a unha axuda de 4.058 euros para a recuperación de elementos especiais de madeira nunha vivenda da rúa Nova.

Deportes
Finalmente, aprobouse o Programa de Accións Formativas: información e deporte, dirixido ás entidades locais e aos particulares vinculados ou interesados no mundo da actividade física e do deporte. Desenvolverase con carácter gratuíto os sábados 14 de marzo, 18 de abril e 30 de maio. Aprobouse un orzamento para o mesmo de 8.500 euros.

Documentos relacionados



Compartir: