MULLER

O Concello homenaxea a oito mulleres que abren camiños

03/03/2009 A concelleira de Benestar Social e Muller, Mar Martín, presentou os actos que se realizarán con motivo da celebración do Día Internacional da Muller o domingo 8 de marzo. O venres 6 farase unha homenaxe a oito mulleres, á que asistirá a ministra Elena Espinosa, e o domingo 8 entregarase o Premio Xohana Torres.

O Hostal dos Reis Católicos acollerá o venres 6, ás 20.00 horas, un acto denominado "Homenaxe a oito mulleres que abren camiños". No mesmo, serán recoñecidas oito mulleres que foron pioneiras nos seus ámbitos profesionais: María Esporas Rodríguez, Milagros Rodríguez Martínez, Marisa López López, María Jesús Montero Pardo, Daria Vilariño, María José Justo, Rita Radl Philipp e Carmen Suárez Beiroa (axúntanse currículos). O acto dará comezo cunha interpretación musical a cargo de Najla Shami e Héctor Lorenzo. Estará presidido polo alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, e contará coa presenza da ministra Elena Espinosa.

Coincidindo co Día da Muller, o domingo 8 de marzo, celebrarase outro acto no Teatro Principal a partir das 12:00 horas. A Banda Municipal de Música realizará un concerto especial, con pezas musicais compostas, dedicadas ou interpretadas por mulleres.

Ademais, fallarase o Premio de Investigación Xohana Torres e presentarase a convocatoria da nova edición do galardón, que pasa a ser de ensaio. Este premio contribúe dende 1993 ao coñecemento sobre as mulleres que tiveron unha marcada incidencia na vida da nosa comunidade, tanto no momento actual como no pasado. Leva o nome de Xohana Torres, poeta, dramaturga e novelista nada en Santiago de Compostela en 1931.

Tamén se abrirá neste acto o Concurso de ideas sobre a corresponsabilidade familiar das tarefas domésticas. Está dirixido ao alumnado do segundo e terceiro ciclo da Educación Primaria Obrigatoria e conta cun orzamento de 2.000 euros. O prazo para presentar os traballos vai do 8 de marzo ao 8 de maio.

Os actos con motivo do Día da Muller pecharanse o venres 13, coa clausura das xornadas sobre saúde e muller que se veñen desenvolvendo no Centro Sociocultural de Fontiñas. Será ás 13:30 horas.

Documentos relacionados



Compartir: