INFRAESTRUTURAS

O túnel do Mestre Mateo comezará a funcionar o xoves 13 de outubro

11/10/2005 A Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes e o Concello de Santiago de Compostela informan que, unha vez rematados os últimos labores para a súa plena operatividade, o túnel de Mestre Mateo comezará a funcionar o xoves, 13 de outubro a partir das 13.00 horas aproximadamente.

Actualmente a obra da travesía, que permitirá incrementar a fluidez do tráfico entre Romero Donallo e Mestre Mateo e que conforma un dos principais accesos da cidade, está practicamente concluída. Tan só quedan por ultimar algunhas pequenas operacións fundamentais para a seguridade dos usuarios, como a completa sinalización viaria horizontal e vertical e a instalación de elementos reflectantes no interior do túnel. Tanto a Consellería como o Concello, que levan investidos máis de cinco millóns de euros nesta actuación, asumiron o compromiso conxunto de axilizar ao máximo as obras para a posta a punto desta vital arteria de circulación.

Segundo as previsións as derradeiras operacións estarán antes da fin de semana, de xeito que o xoves 13 de outubro entrará en servizo este novo vial que foi executado cumprindo os prazos inicialmente previstos, a pesares das dificultades atopadas nos terreos onde se realizaron as necesarias escavacións.

Así pois, a remodelación da Avenida Mestre Mateo e Victoria Míguez entre Romero Donallo e o nó de Vidán, e a construción dun paso inferior na avenida Mestre Mateo supón unha completa e complexa transformación desta arteria da cidade, incorporando plenamente ao ámbito urbano o barrio de Vidán e as novas urbanizacións da Choupana, Santa Marta, e facilitando o tránsito cara ao Hospital Clínico.

A mellora da calidade urbana desta parte da cidade e da seguridade vial son moi significativas, así como a desconxestión e a ampla avenida urbana que quedará nos accesos á cidade desde a estradas de Noia e Pontevedra. Estes accesos rexistran unha alta densidade de tráfico, especialmente nas franxas horarias punta dos miles de cidadáns que se desprazan aos seus postos de traballo na capital de Galicia.

túnel Mestre Mateo

Compartir: