PROMOCIÓN ECONÓMICA

Comeza a fase de titorías do curso sobre plans de empresa e microcréditos

02/03/2009 O luns 2 de marzo comezou a fase de titorías do curso Como elaborar un plan de empresa para solicitar un microcrédito, organizado pola Concellaría de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo e pola Obra Social Caixa Galicia. Trátase dunha acción de formación e asesoramento personalizado para o autoemprego e a creación de empresas dirixida a persoas emprendedoras cunha idea de negocio que precisen financiamento. O período formativo, no que participaron 15 persoas, rematou o sábado 28 de febreiro.

Como elaborar un plan de empresa para solicitar un microcrédito é de balde e enmárcase no programa de fomento do emprendemento Compostela Activa. Este programa ten como obxectivo axudar a aquelas persoas que queiran desenvolver un novo proxecto empresarial no Concello de Santiago

O curso, impartido por especialistas no apoio á creación de empresas, contou con contidos prácticos relacionados coa creación de empresas, a planificación económica e financeira da posta en marcha, a análise de viabilidade e a xestión empresarial. Agora comeza a fase de titorías. Consiste en asesoramento personalizado para elaborar un Plan de Empresa e estudar a viabilidade do proxecto. Os proxectos viables poderán presentar a súa solicitude de microcrédito diante de Caixa Galicia.

Os microcréditos Caixa Galicia están dirixidos a persoas se acceso ao financiamento bancario por insuficiencia de garantías ou de avais. Pódense solicitar ata un importe máximo de 25.000 euros, cun tipo de xuro do 4% e 5 anos de amortización con 6 meses de carencia opcionais.

Compartir: