FESTAS

O Antroido despídese coa queima do Meco e tras un multitudinario desfile

25/02/2009 O Antroido de Compostela acaba coa tradicional queima do Meco. Un día antes, no martes de Antroido, as beirarrúas enchéronse para poder ver o paso das diferentes carrozas e comparsas a concurso. O bo tempo puxo a guinda a unha xornada festeira.

Nesta edición, o desfile caracterizouse por unha participación moi heteroxénea, con comparsas chegadas de moitos lugares de Galicia: Negreira, A Baña, Sanxenxo, Portonovo, Vilagarcía, Teo, Arzúa, Cuntis, ademais das tradicionais agrupacións da cidade (A Ruliña de Laraño, o Colexio de Doña Emma, Os Conformistas de Conxo, a Asociación de Hostelería de Compostela ou a agrupación dos centros socioculturais José Saramago, Busto, Vite, Marantes, Lamascal, Amio e Nemenzo). As comparsas desfilaron con moita parsimonia por todo o trazado para desenvolver as súas coreografías e bailes en cada un dos puntos clave do percorrido. Xa na praza Galicia, e fronte ao Hotel Compostela, onde se situaba o xurado, os concursantes empregaron as súas mellores armas para sorprender e gañar puntos na carreira cara os premios.

Tras o remate do desfile chegou o momento máis esperado da xornada, a entrega de premios, no Paseo Central da Alameda. O primeiro premio de carrozas foi para "Unha viaxe polas profundidades do mar" que recibiu 2.000 euros. Este espectáculo chegaba da man da Asociación VS Villalonga de Sanxenxo, que coa súa terceira participación en Santiago, presentaron a 70 persoas na comparsa e catro carrozas de motivos mariños: unha balea, un submarino, Neptuno e un cabaliño de mar.

Na categoría de comparsas, o primeiro premio, dotado con 2.000 euros, recaeu en "Fantasía mariña". Ademais cómpre destacar, a vitoria dos "Dous de sempre" na categoría de parellas, polo que recibiron 300 euros; en individuais, o primeiro posto foi para "Guerreiro chino de Terracota", con 150 euros; e na categoría de grupo o gañador foi "En tiempos de crisis que no falte el pan", con 400 euros de premio.

Fin de festa
Finalmente, na noite do mécores 25, na Praza Roxa, celebrarase a queima do Meco ás 21:30 horas. O boneco sairá ás 21:00 horas da praza do Toural. As comparsas e o público realizarán o seu acompañamento pola rúa Nova, do Vilar, a Senra, Doutor Teixeiro e Xeneral Pardiñas. En sintonía coa dor do momento, prégase aos acompañantes que vistan de loito rigoroso. A Banda de Ponteceso e a agrupación Volta e Dálle poñerán as notas fúnebres na despedida do Antroido 2009.

Documentos relacionados



Compartir: