ALCALDÍA

Especialistas de diversos países debaterán en Santiago sobre a infancia

23/02/2009 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, recibiu en Raxoi á presidenta da Asociación Galega para a Docencia e Investigación sobre o Retraso Mental (A.Ga.D.I.R.) e profesora da Facultade de Psicoloxía da USC, María José Buceta. O obxecto deste encontro era falar sobre o Congreso Internacional sobre a Infancia "Avancemos con eles, o mundo da infancia a debate", que se celebrará en Santiago do 30 de abril ao 2 de maio.

Este Congreso reunirá na cidade a prestixiosos profesionais de diversos países para tratar sobre os problemas que afectan á infancia. Contará coa participación de 150 profesionais e estudantes de terceiro ciclo e analizaranse cuestións de plena actualidade coma os malos tratos, a violencia nos colexios, as dificultades de aprendizaxe asociadas a trastornos, o paso da nenez á adolescencia ou mesmo os síndromes minoritarios e enfermidades raras.

Unha conferencia sobre a medicina xenómica a cargo do director do Instituto de Medicina Legal e catedrático da USC, Ángel Carracedo, abrirá tres xornadas nas que se desenvolverán diversas conferencias, mesas redondas e talleres.

A Asociación Galega para a Docencia e Investigación do Retraso Mental (A.Ga.D.I.R.) naceu en 1990 e presta diversos servizos dende un punto de vista integral, atendendo tanto ao enfermo como á súa familia e entorno. As terapias de xogo, a estimulación temperá, a formación, a investigación ou o diagnóstico son só algunhas das súas actividades. Ten a súa sede na Facultade de Psicoloxía da Universidade de Santiago.

Compartir: