FESTAS

Un pregón con alusións á crise ateigou o Toural na primeira cita do Antroido

22/02/2009 O Antroido de Compostela comezou onte cunha gran afluencia de público, que reuniu a preto de 800 persoas na praza do Toural para ver a subida do Meco ao balcón do Pazo de Bendaña e non perder detalle do pregón de Nelson Quinteiro e a compañía Femme Fatale.

Os pregoeiros realizaron unha posta en escena e un discurso moi en consonancia coa actualidade sociopolítica galega, con alusións á Cidade da Cultura, ao teleférico, con pequenos guiños ás eleccións, todo ao redor da crise económica. "Se non gozades coa que está caendo non tedes perdón; hai que maquillar a realidade con purpurina", indicaba Nelson Quinteiro. Finalmente, o grupo de cabareteiras ofreceu un sensual baile a toda a praza.

Festival infantil con moitos agasallos
A tarde do domingo 22 estará dedicada en exclusiva aos máis pequenos, que desde as cinco da tarde poderán gozar dun gran festival infantil de disfraces na Sala Capitol. Haberá sesión de baile-discoteca, animacións, entrega de bolsas-cotillón e, por último, un concurso de disfraces en diferentes categorías: mellor grupo, parella e disfraz individual.

Os participantes deberán desfilar cos seus disfraces para convencer ao xurado e optar aos diferentes premios. Os gañadores de grupo recibirán premios en metálico (1º premio: 180 €; 2º premio: 120 €; 3º premio: 90 €), e as outras dúas categorías poderán conseguir diferentes agasallos (consolas, a Wii, bicicletas mountain bike, Mp4 e equipos de música).

Unha noite de máscaras
O luns 23, as actividades comezan ás cinco da tarde con obradoiros de maquillaxe, disfraces e máscaras no Toural e na Praza Roxa, coa animación de rúas a cargo da charanga TNT. Pola noite, celebrarase un espectacular baile de máscaras a partir das 23:00 horas na Sala Capitol. Coa música da orquestra ACHÉ todos os invitados compartirán unha velada de luxo. Para asistir, os interesados deben recoller a entrada (libre) no Teatro Principal e, por suposto, ir disfrazados.

Ademais, para participar no desfile do martes de Antroido, os interesados aínda poden anotarse acudindo ao Teatro Principal (rúa Nova, 21) ata o luns 23 ás 14:00 horas e así optar aos premios en categoría de carrozas, comparsas, grupo mellor caracterizado, parella mellor caracterizada e mellor disfraz individual.

Compartir: