FESTAS

Un Meco en crise dará a benvida ao Antroido dende o Pazo de Bendaña

20/02/2009 Ás portas do Antroido de Compostela, a Concellaría de Festas ultima os preparativos para poñer en marcha as actividades programadas para o sábado 21. Obradoiros de disfraces, o desfile do Meco e o pregón abren o Antroido de Compostela.

A xornada comezará ás 12:30 horas cos obradoiros de maquillaxe, disfraces e máscaras que se desenvolverán na praza do Toural. Alí, un grupo de monitores ensinará aos rapaces a caracterizarse cunha chea de cores e brillantinas. Para os que non queiran madrugar teñen unha nova sesión de maquillaxe ás 17:00 horas no Toural.

Pero o momento cumio do sábado de Antroido chegará ás 20:00 horas co desfile do Meco dende a praza de Cervantes, pasando polas rúas Nova e do Vilar, para rematar no Toural, onde permanecerá exposto ata o mércores 25, no Pazo de Bendaña. O paseo do monicreque polas rúas do casco antigo realizarase cun acompañamento musical de charangas.

O Meco de 2009, deseñado coma sempre polo artista José Méndez, está inspirado na crise económica (representada polos bancos) e con detalles do sector inmobiliario. A figura aparece enriba do edificio dun banco, con dous maletíns nas mans disposto a fuxir da grave situación, pero co peso da crise sobre a súa cachola.

A continuación, sobre as 20:30 horas, celebrarase o tradicional pregón que inaugurará oficialmente as festas pagás. O acto será no Toural e estará protagonizado pola compañía de cabaré Femme fatale, que sorprenderá a todo o público co seu espectáculo Cabarédeambulante. A continuación, as charangas A Ruliña de Laraño e Os Conformistas de Conxo porán música ao Toural coas súas sátiras e chirigotas.

Gala do cabaré na Capitol
Para poñer o punto final a unha tarde frenética, a Concellaría de Festas programou unha gala do cabaré na Sala Capitol, para a que se precisa invitación (previa recollida no Teatro Principal). A partir das 22:00 horas, Femme fatale presentará o seu novo espectáculo Cabaré en crise, unha actuación onde se mesturan as mellores coreografías e guións en máis de 100 minutos de duración con música en directo coa banda St James Street Band, un corpo de 6 bailarinas, un mestre de cerimonias, unha cantante de jazz, unha bailarina de danza contemporánea, un malabarista…

Desfile polo centro da cidade
Para participar no desfile do martes de Antroido, os interesados poden anotarse no Teatro Principal (rúa Nova, 21) ata o luns 23 ás 14:00 horas. Poderán así optar aos premios en categoría de carrozas, comparsas, grupo mellor caracterizado, parella mellor caracterizada e mellor disfrace individual.

Compartir: