CONSORCIO

Presentadas 12 ofertas para a execución do proxecto de reforma do antigo Banco de España

20/02/2009 A mesa de contratación comezou a analizar as 12 ofertas presentadas ao concurso do proxecto de intervención no antigo Banco de España para convertelo no Museo das Peregrinacións e de Santiago. Entre as propostas figuran as das principais empresas construtoras asentadas dentro e fóra de Galicia.

A proposta que resulte finalmente elixida executará o proxecto baixo a dirección do arquitecto Manuel Gallego Jorreto, Premio Nacional de Arquitectura. Da valoración das ofertas presentadas sairá a proposta de adxudicación da obra, que ten un orzamento de contrata de 5.720.000 euros.

O Consorcio de Santiago pretende que a obra comece a executarse na primeira quincena do mes de abril. A obra ten un prazo de execución de 18 meses, aínda que hai que ter en conta que as empresas puideron ofertar unha redución de prazos.

O futuro Museo, que conta cunha superficie construída de 3.466 metros cadrados, non se concibe como única sede, xa que se complementará co actual edificio do Museo das Peregrinacións, ubicado na Casa Gótica, cunha superficie útil de 1.284 metros cadrados, e coa Casa do Cabido, que acaba de ser adquirida polo Consorcio con esta finalidade e que dispón de 236 metros cadrados.

Compartir: