EDUCACIÓN E MOCIDADE

Educación e Mocidade colaboran co Colectivo Danzón na organización dunha Festa do Baile

10/10/2005 Os rapaces dos institutos composteláns terán a súa festa "high school" o día 11 no Instituto de Pontepedriña, mentres que a familia enteira poderá disfrutar dunha xornada onde se ensinarán diferentes estilos o día 12 no Campo de Conxo.

O Ximnasio do Instituto da Pontepedriña acollerá a primeira festa destas xornadas de baile. A festa está dirixida á mocidade compostelá, e celebrarase entre as 22 e as 2 horas do luns martes 11. A entrada ten un custo de 2 euros, con consumición incluída.

O día 12 de outubro será o turno para disfrutar do baile en compañía de toda a familia no Campo de Conxo (ao lado do Centro Sociocultural "Aurelio Aguirre"). A xornada comezará ás 12 da mañá coa Hora Country, e continuará ás 13 horas con mexilóns e fideos para todos os asistentes. Ás 17 horas, poderase bailar valse, mentres que os máis cativos disfrutarán da súa hora ás 18 horas. Ás 19 será a hora de tango, e ás 20 da Bailoterapia. Trátase dunha caste de exercicio de expresión corporal con ritmos similares á batuka creado polo venezolano Pedro Moreno, que estará no Campo de Conxo para ensinar aos presentes esta disciplina para todas as idades. A xornada rematará ás 21 horas con ritmos latinos.

Facer que toda a familia baile xunta é o obxectivo desta gran festa que trata de recuperar o espírito "das festas de antes", onde todo o mundo bailaba, explican desde o Colectivo Danzón.

Compartir: