CONSORCIO

O Consorcio garantirá a conservación do antigo salón de plenos da Cámara de Comercio

19/02/2009 O antigo salón de plenos da Cámara Oficial de Comercio de Santiago, situado na primeira planta do edificio da rúa Nova, realizado en madeira de calidade e considerable valor artístico, quedará a partir de agora baixo a tutela do Consorcio de Santiago. Así será tras a sinatura do convenio entre os presidentes dos dous organismos, Xosé A. Sánchez Bugallo e Jesús Asorey Carril.

Os materiais da estancia, obxecto de conservación, son dez vidreiras, pertencentes ás portas de acceso ao balcón presidencial; dúas bancadas de sete asentos cada unha; unha bancada de cinco asentos; seis sillóns individuais; unha mesa presidencial; unha lámpada de madeira de seis brazos; e un zócalo de madeira de 1,80 metros que cubre gran parte das catro paredes da estancia.

En virtude do acordo, o Consorcio de Santiago farase cargo da propiedade, asumindo se fora preciso o seu traslado e almacenamento, comprometéndose a comunicar á Cámara de Comercio o lugar elixido para a instalación definitiva, así como calquera outra circunstancia que afecte ao conxunto do salón ou os elementos que o constitúen.

En palabras de Sánchez Bugallo, para o Consorcio é unha "honra" asumir o mantemento e conservación destes mobles, pois "devolvémoslle a este patrimonio toda a importancia que ten para a cidade de Santiago". Indicou que os mobles van seguir onde están, na denominada Casa dos Irlandeses, mentres que a familia propietaria do inmoble queira. Nun futuro, o alcalde non descartou que estes mobles poidan ser útiles para o futuro Museo das Peregrinacións e da Cidade de Santiago.

O alcalde resaltou a importancia para a cidade dunha institución como a Cámara de Comercio. O seu presidente, Jesús Asorey, agradeceu a sinatura do convenio, que servirá para que este salón de plenos "non se perdese e forme parte da memoria da cidade".

Documentos relacionados



Compartir: