CULTURA

A Orquestra Sinfónica do Principado de Asturias ofrece un concerto no Auditorio

18/02/2009 A Orquestra Sinfónica do Principado de Asturias, dirixida polo seu director titular, Maximiano Valdés, e co pianista Kirill Gerstein, ofrecerá un concerto o xoves 19, ás 21:00 horas, cun programa composto con obras de Sibelius, Rautavaara e Brahms.

A Orquestra Sinfónica do Principado de Asturias (OSPA) está formada por profesores de diferentes países da Unión Europea, Rusia e América. Maximiano Valdés é seu director titular e K. Penderecki o principal director invitado. A súa actividade musical abarca todo tipo de programacións e desenvolve máis de 70 concertos sinfónicos ao ano repartidos entre a súa sede permanente do Auditorio Príncipe Felipe de Oviedo, o Teatro Jovellanos de Gijón, o Auditorio da Casa de Cultura de Avilés e as principais vilas asturianas durante os Concertos de Verán.

Tamén é habitual da Tempada de Ópera da Asociación Asturiana de Amigos da Ópera no Teatro Campoamor de Oviedo. Ten actuado en numerosas ocasións no Auditorio Nacional de Madrid, no Palau de la Música de Barcelona, nos auditorios de Zaragoza, San Sebastian, Santiago de Compostela, Santander, Pamplona, e ten participado no Festival de Música e Danza de Granada e no de Alacante. Realizou xiras por Chile, China e México.

Maximiano Valdés, director titular e artístico da OSPA dende xullo de 1994. Naceu en Santiago de Chile, realizou os seus estudos musicais na Escola Moderna de Música de Santiago e, posteriormente, no Conservatorio de Santa Cecilia de Roma. Despois dalgúns anos dedicado á composición, estudou dirección de orquestra con Franco Ferrara e Sergiu Celebidache.

Foi director titular da Orquesta Sinfónica de Euskadi e, posteriormente, durante tres temporadas, principal director invitado da Orquesta Nacional de España. Dirixiu varias veces no Liceu de Barcelona e a orquestra Ciudad de Barcelona. Tamén realizou concertos coa orquestra de Radio Televisión, as sinfónicas de Bilbao, Málaga, Valencia e outras importantes orquestras españolas. Estreou obras de Marco, Halffter, de Pablo, Bernaola, Prieto, Guinjoan, Zulema de la Cruz e Carlos Cruz de Castro, entre outros.

Kirill Gerstein, piano
Acompañará á OSPA o pianista Kirill Gerstein. Nacido en Rusia en 1979, estudou no Berklee College of Music de Boston e na Escola de Música de Manhattan, onde obtivo o Máster de Música aos 20 anos. Foi gañador do primeiro Premio 2001 Arthur Rubistein en Tel Aviv, o que lle pemitiu ofrecer concertos en todos os centros de música internacionais máis importantes. Ten actuado baixo as batutas de Petrenko, Dudamel ou Bychkov, e ofrecido recitais na Academia Liszt en Budapest e no Wigmore Hall de Londres. Desenvolve os seus proxectos de música de cámara co violoncelista Steven Isserlis e con Kolja Blacher e Clemens Hagen. Dende o 2007 é catedrático do Conservatorio Superior de Música de Stuttgart. Entre os seus premios destacan o Premio Novo Artista Gilmore de 2002 e o Premio de "Artista Revelación" no Carnegie Hall durante a temporada 2005/06.

As entradas para este concerto véndense no despacho de billetes do Auditorio de Galicia de 12:00 a 14:00 e de 17:00 a 21:00 horas, e baixo a forma de pagamento con tarxeta nos teléfonos 981 571 026 e 981 573 979. O seu prezo é de 10 euros, con descontos do 50% para estudantes e xubilados.

Compartir: