CULTURA

O Auditorio de Galicia exhibe unha selección da obra de Antón Mouzo

17/02/2009 O mércores 18 de febreiro, ás 20:30 horas, inaugurarase no Auditorio de Galicia a mostra Antón Mouzo. A exposición presenta unha selección da obra do artista Antón Mouzo (Vimianzo, 1957 - A Coruña, 2007) como homenaxe a este relevante creador.

Esta é a primeira retrospectiva en Galicia de Antón Mouzo, un artista significativo que desenvolve diferentes liñas de traballo a través, esencialmente, da pintura. Toma como tema principal a representación da natureza para conformar un particular universo, que tivo en todo momento constantes referencias a Vimianzo, a vila na que naceu.

De formación autodidacta e un gran coñecedor da historia da arte, a súa obra reflicte unha fonda influencia da arte galega, dende o románico aos renovadores, sen esquecer outras formulacións internacionais como Hockney ou Bacon, aos que admiraba. Sorprende cunha obra na que se detecta o espírito dun creador inquedo que explora continuamente e que se expresa por medio de diferentes poéticas, como o pop, o neoexpresionismo, a figuración, a abstracción ou a fotografía, sen esquecer tampouco o uso das novas tecnoloxías.

A comisaria da mostra, María Pose, en estreita colaboración coa familia e os amigos que se involucraron de xeito determinante no impulso deste proxecto, reuniu para esta exposición obras inéditas provenientes, na súa maior parte, dos arquivos do artista e dos fondos do seu estudio. Esta escolma permite coñecer e gozar dun número importante de óleos, debuxos, anotacións, ilustracións, videoinstalacións e diversas series de pinturas, como as que o cineasta Xavier Villaverde utilizara no filme Fisterra.

O acto de inauguración contará coa presenza da concelleira de Cultura, Socorro García Conde, e da comisaria María Pose. A mostra permanecerá aberta do 18 de febreiro ata o 31 de maio de 2009 e pode visitarse todos os días de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 horas, agás os días de concerto, que pecha ás 19:00 horas.

Compartir: