XUNTA DE GOBERNO

Iníciase o proceso de licitación de once das obras do fondo estatal

17/02/2009 O Goberno local deu o visto bo aos pregos e iniciou os expedientes de contratación de diversos proxectos de obras incluídos no Fondo estatal de inversión local. Trátase de 11 obras que supoñen un investimento de 4.619.426 euros.

Polo seu custo, 1.036.412 euros, e tempo de execución, oito meses, o proxecto máis importante destes once é o da ordenación funcional no núcleo de Canteira, en San Lázaro. Trátase dunha obra que permitirá dotar a esta zona de novos servizos urbanos, con beirarrúas, novos pavimentos nas calzadas, servizos básicos, xardinería, mobiliario e sinalización.

En canto a obras de reurbanización de beirarrúas, aprobáronse dúas: en Meixonfrío e nas Cancelas. As obras de Meixonfrío teñen un orzamento de 471.613 euros e un prazo de seis meses. No caso das Cancelas, cun custo de 700.000 euros, ademais das beirarrúas realizarase a renovación das redes de abastecemento, saneamento e alumeado público.

Tamén se acometerá a urbanización da rúa da Raiola nun prazo de seis meses. Habilitarase un orzamento de 380.169 euros para unhas obras que inclúen dotación de servizos, novas beirarrúas e pavimentación da calzada. En Pontepedriña renovarase a rede de abastecemento e beirarrúas, cun orzamento de 529.525 euros e unha marxe de execución de seis meses.

Entre os proxectos aprobados hai catro que afectan ás redes de abastecemento ou saneamento. Así, repararase a cuberta dos depósitos da Almáciga (385.367 euros e sete meses), substituiranse as rede de saneamento no rueiro de Figueiriñas (105.286 euros e catro meses) e, nun proxecto conxunto, as das rúas Pequena, Grabanxa, Queimada e do Ceo (166.675 euros e catros meses). Ademais, rehabilitarase a rede de saneamento na avenida Rosalía de Castro, cun investimento previsto de 145.069 euros nunhas obras que durarán tres meses.

Outra obra en proceso de licitación é a de rehabilitación e mellora do polideportivo Quiroga Palacios, cun orzamento de 343.826 euros e un prazo de execución de catro meses. Finalmente, abriuse o expediente de contratación das obras do local para Protección Civil no Estadio de San Lázaro. Esta actuación conta cun orzamento de 355.484 euros e realizarase en cinco meses. Permitirá dotar ás instalacións de salas de equipos, despachos, vestiarios, salas de prácticas e talleres.

Os pregos de condicións dos distintos proxectos atéñense a unhas prerrogativas fixadas polo propio Ministerio de Administracións Públicas que, fundamentalmente, priman na licitación a xeración de emprego

Seis proxectos máis ratificados polo MAP
Tamén en relación a este fondo, deuse conta da aprobación dos últimos seis proxectos por parte do Ministerio de Administracións Públicas, que tamén serán postos en marcha en vindeiras semanas. Trátase de obras de integración paisaxística do Camiño Francés na N-634, da rehabilitación e sinalización dos camiños Francés e a Fisterra, da dotación de acceso a internet a través da rede Wimax nas parroquias de Aríns e Figueiras, da reforma e acondicionamento de varios centros socioculturais e da ampliación do abastecemento no lugar da Barciela.

Benestar Social
En materia de Benestar Social, adxudicouse provisionalmente, por 20.950 euros máis IVE, o contrato para levar a cabo o Proxecto Municipal de Educación en Rúa, no barrio de Fontiñas.

Trátase esta dunha intervención a nivel individual, grupal e comunitario, formulada dun xeito integral e que implica a creación de redes cos distintos recursos que existen no barrio de Fontiñas. Dous educadores sociais atenderán a menores e mozos e mozas nos que conflúen factores sociais, familiares ou persoais complicados.

Cidade Histórica
A Xunta de Goberno tamén acordou solicitar unha subvención de 100.000 euros á Dirección Xeral de Belas Artes e Bens Culturais do Ministerio de Cultura. O obxecto da axuda é a edición dun produto audiovisual que permita achegar ao cidadán o proceso de reflexión sobre o espazo público, e a súa presentación nun acto público no Teatro Principal.

Deportes
En canto a Deportes, aprobouse un gasto de 15.000 euros para a organización do Campionato de España Sub-20 de seleccións territoriais de fútbol sala. Esta cantidade destinarase fundamentalmente a custear parte do aloxamento e manutención das seleccións participantes.

Este torneo traerá a Santiago ás seleccións autonómicas de Castela e León, Estremadura, País Vasco, Madrid, Cataluña, Baleares, Ceuta, Asturias e Galicia. Os partidos celebraranse principalmente no Pavillón Municipal de Santa Isabel, aínda que tamén se fará uso do Pavillón do Restollal e do Multiusos Fontes do Sar.

Educación
No ámbito educativo, aprobouse un orzamento inicial de 36.000 euros para dar resposta á dotación anual de combustible para o CEIP Apóstolo Santiago, a Escola Infantil de Conxo e a Escola Municipal de Música.

Documentos relacionados



Compartir: