ALCALDÍA

Máis de 1.000 escolares formaranse sobre a contribución da tecnoloxía nos automóbiles á mellora do medio ambiente

17/02/2009 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, inaugurou na Alameda a Escola RACE-Renault de Responsabilidade Medioambiental, posta en marcha por estas dúas entidades en colaboración coas concellerías de Educación e de Mobilidade e Seguridade Cidadá. Esta singular aula móbil estará aberta do 17 ao 20 de febreiro e forma parte do Programa Municipal de Educación Viaria e na Autoprotección ¿Onde está o perigo?.

O obxectivo desta escola é formar aos escolares sobre os efectos do cambio climático no planeta e sobre as novas tecnoloxías implantadas no automóbil para reducir o seu impacto ambiental. O programa conta cunha aula móbil e cun parque temático, na que os alumnos e alumnas poderán participar nunha visita didáctica polas instalacións, nunha charla e en diversos obradoiros.

Os máis de 1.000 alumnos de Primaria e Secundaria que pasarán pola Escola recibirán en xornadas de mañá un curso sobre concienciación e respecto do ecosistema, centrado nos seguintes contidos: efecto invernadoiro e as súas consecuencias no cambio climático, a achega da tecnoloxía á redución do impacto medioambiental do automóbil, o proceso de tratamento e reciclaxe dos vehículos ao finalizar as súa vida útil e uns consellos sobre normas e comportamentos viais seguros e responsables.

Tamén haberá un módulo práctico, no parque temático, no que os alumnos e alumnas participarán nos diferentes obradoiros temáticos: emisión de contaminantes, tratamento dun vehículo e descontaminación de líquidos, recuperación de compoñentes reutilizables e fragmentación de materiais e aplicacións posteriores.

Na xornada de tarde, a Escola abrirá as súas portas a toda a cidadanía para informar e formar en seguridade vial e en educación ambiental. Trataranse cuestións como a condución económica e ecolóxica, as novidades en biocarburantes e motorizacións, a importancia dos sistemas de retención infantil, e aspectos normativos en seguridade vial.

Compartir: