TURISMO

Turismo de Santiago promociona a cidade en Xapón

16/02/2009 Turismo de Santiago promocionou a cidade en Xapón entre o 4 e o 7 de febreiro, nunha actividade na que participou Christina Oiticica, muller do escritor Paulo Coelho. A artista brasileira intenta retratar a través do seu traballo, de maneira simple e directa, o mundo, o presente e a sociedade actual. A súa obra está moi influída pola súa peregrinación a Santiago de Compostela, que fixo en xullo e agosto do 1990. Dende entón ten feito múltiples exposicións sobre o Camiño.

Turismo de Santiago desenvolveu as actividades de promoción en colaboración con Tanabe, seguindo a liña de traballo conxunto entre ambas cidades para a proxección dos Camiños de Santiago e Kumano, os únicos do mundo que están declarados Patrimonio da Humanidade pola Unesco. O obxectivo do departamento é promocionar a cidade nun dos mercados turísticos máis importantes de Asia.

O día 4, Turismo de Santiago, xunto con representantes da cidade de Tanabe e Christina Oiticica, fixo unha presentación da cidade en xaponés no Tokyo International Forum, dentro do Mitsuo Aida Art Museum, onde se está celebrando a exposición de fotos sobre o Camiño de Santiago e o Camiño de Kumano, organizada pola prefectura de Wakayama e a Xunta e na que se mostra os vínculos existentes entre ambos.

A presentación tivo unha boa acollida entre os medios xaponeses, xa que houbo 44 xornalistas presentes, entre elas a National Geographic Japan, que conta cun importante prestixio no país. Tamén asistiron os 6 maiores operadores turísticos culturais cara España do Xapón. Para organizalo contouse co apoio da OET de Tokío, dirixida por Ignacio Ducasse.

O día 5 de Febreiro, Christina Oiticica enterrou unha serie de obras ao longo de catro puntos significativos do Camiño de Kumano, como anteriormente fixera en diferentes puntos do Camiño de Santiago, querendo simbolizar a relación entre ambas rutas de peregrinación. A artista enterra as súas obras ao longo do Camiño, permitindo que deste xeito tanto a natureza como os pes dos peregrinos podan interferir nas telas e transformalas. Está previsto que proximamente desenterre as obras para facer unha exposición coas mesmas no mes de maio en Santiago.

O día 6, en Tanabe, tivo lugar unha reunión institucional entre Turismo de Santiago e o Concello da cidade nipona, onde participou o alcalde da mesma, Masanori Izumi. Deste xeito, tras a presenza de representantes de Tanabe en Santiago no mes de outubro, continúase coa colaboración fluída entre ambas cidades, que ten coma obxectivos fomentar o turismo cultural e afondar nas relacións e o mutuo coñecemento entre Galicia e Xapón.

Compartir: