ALCALDÍA

O Concello cede á Xunta unha parcela na Choupana para a construción da nova Escola Oficial de Idiomas

16/02/2009 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, mantivo un encontro no Pazo de Raxoi coa conselleira de Educación, Laura Sánchez Piñón, ao que tamén asistiron o secretario xeral da Consellería de Educación, Benito Fernández; a subdirectora xeral de construcións e equipamento, Paz Filloy; e a concelleira de Educación, Guadalupe Rodríguez.

Na reunión, a conselleira transmitiu ao alcalde a elección definitiva por parte da Xunta dun dos terreos que o Concello puxera a disposición da Comunidade Autónoma para a construción da futura sede da nova Escola Oficial de Idiomas: trátase dunha parcela de 6.209 metros cadrados ubicada no SUP-5, polígono 2 da Choupana, concretamente na avenida de Bilbao, próxima ao hospital e ao campus de Ciencias da Saúde.

O acordo acadado hoxe formalizarase agora nun convenio que se asinará en breve para que o novo centro poida estar en funcionamento no comezo do curso 2010-2011.

Na reunión tamén se repasaron outros asuntos como a reforma integral do Quiroga Palacios, xa en marcha, ou a construción do novo centro Ramón Cabanillas, que se prevé estea rematado a finais de 2009. Estas dúas actuacións supoñen un investimento de máis de 5 millóns de euros por parte da Xunta.

Documentos relacionados



Compartir: