EDUCACIÓN

O Concello e Ibercaja achegan a 2.300 alumnos de secundaria á historia do século XX a través do rock

12/02/2009 O Teatro Principal acolle do 16 ao 19 de febreiro o concerto A historia do século XX contada a través do rock, co grupo Los Misterios. A Concellería de Educación e a Obra Social de Ibercaja fan posible estas nove sesións, que achegarán a alumnos de secundaria ao estudo dunha das épocas máis fascinantes da historia.

A concelleira de Educación, Guadalupe Rodríguez, e o director de Ibercaja en Santiago, Javier Ferro, presentaron este singular concerto. No mesmo chámase a atención sobre o relevante papel que xogou a música como reflexo de moitos dos cambios sociais e culturais do pasado século. Grazas a este concerto, a historia máis recente faise accesible aos escolares da man do rock, un xénero aceptado por eles.

A interpretación de temas en directo por Los Misterios compleméntase coa presenza dunha actriz que, a modo de narradora, introducirá os temas e explicará como se relacionaba cada xénero musical con momento histórico que se vivía. Esta narradora interactuará co público, facéndolles preguntas sobre os diferentes períodos, artistas ou temas.

Os asistentes mesmo poderán colaborar na interpretación dunha última canción. Rematado o concerto, tanto o grupo como a presentadora responderán ás preguntas do público. Os alumnos e profesores dispoñen dunha unidade didáctica sobre a actuación para que podan traballar posteriormente estes contidos na aula.

Nove funcións e grandes éxitos
Os concertos celebraranse cada un dos catro días ás 10:00 e ás 12:00 horas. Ademais, o xoves 19 haberá unha sesión de balde aberta ao público en xeral ás 19:00 horas. Nas oito sesións didácticas está prevista a participación de 2.267 rapaces dos centros: San Paio, Peleteiro, Xelmírez I, Xelmírez II, Sar, Pontepedriña, Antón Fraguas, Lamas de Abade, Divino Maestro, La Salle, Nosa Señora dos Remedios, Compañía de María, Chester College , Rosalía de Castro, Maruxa Mallo e Aquis Celenis.

O grupo Los Misterios interpretará coñecidos temas de artistas como Elvis Presley, The Beatles, The Beach Bois, Bob Dylan, The Rolling Stones, Credence Clearwater Revival, Deep Purple, Sex Pistols, Ramones, Gloria Gaynor, Soft Cell, Bon Jovi, Nirvana, Oasis ou Blur.

A historia do século XX contada a través do rock continúa coa colaboración entre a Concellaría de Educación e Ibercaja, que neste 2009 xa permitiu a máis de 2.000 escolares asistir ao espectáculo A cama voadora. Foron oito exitosas funcións desenvolvidas na última semana de xaneiro.

Compartir: