FESTAS

Os ritmos do cabaré protagonizarán o pregón do Antroido

11/02/2009 O concelleiro de Festas, Xosé Baqueiro, presentou o programa de actividades para o Antroido 2009, que se celebrará do sábado ao mércores 25. O acto estivo marcado pola música e baile de dúas comparsas, Os conformistas de Conxo e A ruliña de Laraño, e pola presenza do deseñador do Meco, José Luis Méndez, co seu deseño deste ano sobre a crise económica.

Na presentación, Baqueiro sinalou que este ano o Antroido chega con moitas actividades, todas elas coa música e o baile de fondo. "É a época apropiada para pasar cos amigos, xantar coa familia na casa e preparar os pratos típicos (cocido, filloas, orellas…)". "Son días cheos de tradición na que moitos veciños de barrios enteiros se xuntan para disfrazarse e pasear polas rúas" –apuntou o concelleiro-, para despois lembrar que tamén hai outros que gozan das festas, os rapaces, que pasan semanas enteiras argallando o disfraz.

Baqueiro anunciou un completo programa que inclúe novos pasatempos, con actividades variadas, todas con moito fondo musical pensadas para bailar e gozar. As festas comezarán o sábado 21 de febreiro co desfile do Meco ás 20:00 horas. Fará o percorrido habitual, desde a praza de Cervantes ata a praza do Toural pasando polas rúas Nova e do Vilar para rematar no Pazo de Bendaña, onde estará exposto ata o mércores 25.

Nesta edición, a figura do Meco está inspirada na crise económica (representada polos bancos), cun certo matiz do sector inmobiliario. O Meco aparece enriba do edificio dun banco, con dous maletíns nas mans, disposto a fuxir da grave situación, pero co peso da crise na cabeza.

A continuación, ás 20:30 horas, pronunciarase o pregón no Toural, que este ano correrá a cargo de Nestor Quinteiro e a compañía teatral Femme fatale que poñerán en escea o seu espectáculo Cabarédeambulante. E para pechar a noite, ás 22:00 horas, unha gala do cabaré na Sala Capitol, coa estrea absoluta do espectáculo Cabaré en crise, tamén da compañía Femme fatale.

Ao día seguinte, o domingo 22, os rapaces serán os grandes protagonistas da xornada e gozarán dunha tarde moi divertida cunha festa de disfraces na Sala Capitol que comezará as 18:00 horas. O luns, ás 23:00 horas, tamén haberá un baile de máscaras para os maiores coa música da orquesta ACHÉ na Capitol. A entrada é libre, pero a condición para entrar é ir disfrazado.

Gran desfile do martes de Antroido
O martes celebrarase o gran desfile de Antroido, no que haberá varias categorías: mellor carroza, mellor comparsa (formada por un mínimo de 10 persoas), grupo mellor caracterizado (de entre 3 e 6 persoas), mellor parella e mellor disfraz individual, cun total de 12.000 euros a repartir entre todas as categorías. Comezará ás 17:30 horas dende a estación de ferrocarril para percorrer varias das rúas do centro da cidade: pasará por Romero Donallo, Santiago de Chile, Frei Rosendo Salvado, Praza Roxa, República do Salvador, Hórreo, Senra e rematará na avenida de Xoán Carlos I.

O xurado estará situado nos balcóns do Hotel Hesperia Compostela (Praza de Galicia) para ver de primeira man todos os detalles do desfile e deliberar tendo en conta o deseño e creatividade das carrozas, os disfraces e a caracterización dos seus compoñentes. Como novidade haberá varios membros do xurado que realizarán un seguemento por diferentes puntos do desfile para ver e evaluar máis de preto a simpatía e bo humor dos participantes.

A participación está aberta a todas as asociacións, barrios, comunidades, colexios e persoas individuais. Pero para poder desfilar os interesados deben inscribirse na Concellaría de Festas (Teatro Principal, rúa Nova, 21) antes das 14:00 horas do luns 23 de febreiro.

O mércores acaba o Antoido 2009 coa queima do Meco na Praza Roxa, onde centos de persoas despedirán o Antroido. Coma sempre os asistentes ao acto deben ir de loito riguroso en sinal de dor.

Documentos relacionados



Compartir: