CONSORCIO

O novo Museo "Luis Iglesias" abrirá en 2010 aos cidadáns o patrimonio histórico-científico máis valioso de Galicia

11/02/2009 O alcalde compostelán e presidente do Consorcio, Xosé A. Sánchez Bugallo, presentou o proxecto do que será o novo Museo de Historia Natural "Luis Iglesias". Este edificio, deseñado polo arquitecto César Portela, completa a urbanización e os equipamentos culturais da Finca Vista Alegre.

"Un espazo singular e excepcional dende o punto de vista arquitectónico" albergará o novo Museo, en palabras de Sánchez Bugallo. Un edificio que, segundo César Portela, conxuga a funcionalidade cunha arquitectura acorde á paisaxe da propia Finca Vista Alegre. Defíneo o arquitecto coma unha serie de cubos que se agrupan e dilúen coma se fose un animal vivo que se despraza sobre mil patas.

O Consorcio asume a construción, execución e financiamento das novas instalacións, por un importe de 4.438.741 euros. A Universidade encargarase de xestionar o Museo, que o alcalde agarda inaugurar antes de que remate 2010. A previsión é que a obra, cun prazo de execución de 18 meses, poida licitarse na segunda quincena de marzo. O Concello concederá a licenza unha vez se reciba o permiso de Augas de Galicia.

Catro áreas autónomas
A superficie total é de 4.252 metros construídos, dispostos en soto, planta baixa, planta primeira, planta segunda e planta terceira. Polo seu tamaño e pola disposición central do acceso principal, o edificio organizarase en catro áreas autónomas coas principais seccións do Museo: Zooloxía, Botánica, Xeoloxía e colección de Dioramas.

A sala de exposicións temporais situarase no soto; o Museo Virtual, na planta baixa; e a sala de reunións e a administración na primeira planta. A Biblioteca do Museo estará ubicada na última planta.

Un percorrido polo labor científico dos séculos XIX e XX
O novo edificio acollerá os fondos dunha colección que agora permanecen no soto da Facultade de Química, insuficiente polo volume dos fondos existentes. Cómpre lembrar que o Museo de Historia Natural "Luis Iglesias" constitúe o conxunto de patrimonio histórico-científico máis importante de Galicia, sendo continuador do Gabinete de Historia Natural, creado por Antonio Casares na Universidade de Compostela durante o curso 1840-41.

Este museo é todo un escaparate do mundo natural, en xeral, e da ciencia galega en particular. A través das súas coleccións pódese facer un percorrido polo labor dos máis sobranceiros científicos galegos dos séculos XIX e XX. Así o destacou a conselleira de Cultura, Ánxela Bugallo, que recordou que o Museo "garda pezas de enorme valor".

O valioso patrimonio científico que o Museo atesoura e a calidade e cantidade dos fondos universitarios fará deste un centro de referencia no que respecta ao patrimonio científico. Este valor complementarase ca labor que se desenvolve no centro, grazas á continua achega de materiais procedentes da investigación científica.

O Museo de Historia Natural conta, como é ben sabido, cunha das maiores coleccións privadas de Europa, formada por máis de 25.000 lotes e 250.000 exemplares de moluscos, doazón recentemente realizada por Emilio Rolán.

Ademais, debido á súa vocación claramente didáctica e investigadora, polo centro pasan máis de 20.000 estudantes de todos os niveis do ensino ao longo do curso académico. Ademais, particulares de todas partes visitan con frecuencia o Museo, no que se realizan exposicións temporais dedicadas a temas específicos en salas de exhibición alleas.

A Finca Vista Alegre
Este proxecto completa os equipamentos da Finca Vista Alegre. Neste espazo xa están outras infraestruturas culturais e universitarias como a Casa de Europa, a Escola de Altos Estudos Musicais, o Centro de Estudos Avanzados e o edificio da Sociedade Xeral de Autores.

Estes catro edificios que constitúen outros tantos exemplos de arquitectura diversa e tamén de diferente emprego da pedra como material construtivo. Co novo Museo de Historia Natural complétase, polo tanto, este singular espazo no que foron acomodándose unha morea de ámbitos menores capaces de transportar a un conxunto urbanístico de arquitectura harmónica.

Compartir: