TURISMO

Viños da Ribeira Sacra e doces de Entroido en "Santiago Repetirás"

10/02/2009 O sábado 14 de febreiro, ás 18:00 horas, o Parador Hostal dos Reis Católicos acolle a celebración dunha nova cata de viños maridados con produtos galegos e dun Taller Gastronómico para nenos. Estas actividades están enmarcadas no programa Santiago Repetirás, organizado por Turismo de Santiago.

A cata guiada desta vez está dedicada aos viños da D.O. Ribeira Sacra e aos queixos da D.O. San Simón da Costa. Un sumiller ilustrará aos asistentes sobre as peculiariedades dos caldos desta denominación de orixe, a máis recente constituída en Galicia, marcados pola difícil orografía das marxes do río Sil. Xunta el, un experto en queixos falaralles de como recoñecer e catar o característico queixo afumado de San Simón, producido na Terra Chá. A actividade ten un prezo de 5 euros e hai 40 prazas dispoñibles.

O Taller Gastronómico infantil permitirá aos cativos e cativas que participen achegarse á cociña típica do Entroido, aprendendo a preparar doces como orellas ou rosquillas. Por 5 euros 30 pequenos de entre 6 e 12 anos pasarán a tarde do sábado atendidos por tres monitores especializados.

A Concellaría de Promoción Económica e Turismo busca con estas actividades converter á enogastronomía galega nun dos atractivos da cidade. Turistas e veciños de Compostela poden participar nos talleres e catas, previa reserva de praza en wwww.santiagorepetiras.com ou no teléfono 902 190 160.

O sábado 21 de febreiro continúan as actividades coa cuarta edición de "Merco e cociño con...", nesta ocasión impartido por Pepe Solla, propietario e cociñeiro do restaurante Casa Solla (Poio), distinguido cunha estrela Michelin. Os asistentes acompañarán a este prestixioso cociñeiro a realizar a compra para posteriormente aprender a cociñar un menú de temporada.

Ademais, ata marzo, 35 bares e restaurantes da cidade ofrecen a visitantes e composteláns a posibilidade de degustar menús e tapas da cociña do inverno, preparados en base a produtos desta estación, como caldos, guisos, potaxes....

Compartir: