XUNTA DE GOBERNO

Actualízanse as tarifas dos aparcadoiros, do recinto feiral de Amio e do tanatorio de Boisaca

10/02/2009 A Xunta de Goberno aprobou a revisión de tarifas dos aparcadoiros no xestionados directamente por TUSSA para 2009, que se actualizan de acordo á suba do IPC entre decembro do 2007 e decembro de 2008. Tamén se poñen ao día as tarifas dos recinto feiral de Amio e do tanatorio de Boisaca.

Os aparcadoiros afectados pola actualización das tarifas, cun incremento do 1,4%, son os de San Clemente, Hórreo, San Caetano, Praza de Vigo (neste caso a suba é do 1,05%), Romero Donallo, Puente Castro-A Rosa e Praza Roxa. As tarifas do aparcadoiro da praza de Galicia seguen a ser as de 2008. No estacionamento da Choupana a suba é do 5,7%, por non terse actualizado dende xaneiro de 2007.

A modo de exemplo, o prezo de media hora de estacionamento na Praza Roxa queda en 1,05 euros, polos 2 da hora e os 3,65 euros das dúas horas. Neste estacionamento poden adquirir bonos mensuais (121,75 euros), diúrnos (89,40 euros), nocturnos (59,95 euros), matinais (65 euros) e de día completo (14,10 euros).

En Romero Donallo estes mesmos períodos de tempos sitúanse, respectivamente en 1 euro, 1,75 euros e 3,10 euros. Aquí os bonos son de mañá, tarde ou noite, cun custo en cada un dos casos de 53,90 euros, ou mensuais, por 94,31 euros.

En canto ao aparcadoiro da Rosa-Ponte Castro, os prezos exemplo quedan en 0,90, 1,60 e 2,95 euros. A opción de bonos é triple: diúrno (72,51 euros), nocturno (56,44 euros) e mensual (116,82 euros).

O aparcadoiro do Hórreo custa 0,90, 1,65 e 3 euros; o de San Caetano 1, 1,65 e 3,05 euros e, finalmente, o de San Clemente 1,05, 1,70 e 3,10 euros. Estes tres estacionamentos, xestionados pola mesma concesionaria, dispoñen de bonos mensuais con prezos de 133,83, 112,72 e 146,13 euros, respectivamente.

No aparcadoiro da praza de Vigo, o prezo por media hora sitúase nos 0,80 euros e o dunha hora en 1,45 euros. Dúas horas custarán 2,55 euros. O bono mensual ten un prezo de 88,97 euros. No caso do da Choupana, por estas mesmas fraccións horarias, as tarifas son: 0,85, 1,85 e 3,80 euros, respectivamente. Cómpre lembrar que en todos estes aparcadoiros se aplica a tarificación por minutos.

Recinto feiral de Amio
Na mesma sesión da Xunta de Goberno aprobouse a revisión de tarifas do recinto feiral de Amio de acordo coa variación experimentada polo IPC no período comprendido entre decembro de 2007 e decembro de 2008, que é do 1,40%. Así, actualízanse tarifas para a entrada de gando, gaiolas e amarres, estanzas no mercado, eliminación de cadáveres, estacionamento e desinfección, lavado e encamado, entre outros servizos.

Os prezos pola estancia no mercado van agora dos 4,05 euros ao día dos exemplares de vacún e equino aos 2,49 dos animais ovinos, caprinos e porcinos. Este prezo inclúe coidados, estancia e alimentación. Pola entrada de gando as tarifas oscilan entre os 2,39 euros por exemplar equino e de 2,27 por exemplar de vacún grande ata os 0,78 euros para ovinos e porcinos.

O aparcadoiro e desinfección de turismos ten un custo de 1,67 euros, polos 7,28 dos camións de máis de catro toneladas e os 5,96 euros dos camións de tonelaxe menor e resto de vehículos. Os prezos de lavado van, en función do tamaño dos camións dos 5,13 aos 16,70 euros.

O encamado, tamén segundo o tipo de vehículo, vai dos 3,22 aos 9,54 euros, e o uso de gaiolas e amarres ten un custo de 1,31 a 5,61 euros, dependendo do emprego de amarres, gaiolas de recría ou de abasto. Tamén se fixan tarifas para os fardos de palla, o pesado de reses ou para o caso de entrada de camións xa desinfectados.

Tanatorio de Boisaca
Outra revisión de prezos acordada polo Goberno municipal é a dos servizos do tanatorio de Boisaca, tamén de acordo ao incremento do IPC entre decembro de 2007 e decembro de 2008, un, 1,40%.

Como prezos máis salientables, a utilización da Tanatosala queda en 374 euros, mentres que o emprego do crematorio terá un custo de 275 euros. O servizo de funeral na capela realizarase a un prezo de 117 euros. Estes prezos non teñen o IVE incluído. Tamén se revisan os prezos de todos os servizos de tanatorio e camas, conservación e embalsamado, traslados ou urnas.

Compartir: