PALACIO DE CONGRESOS

Os IV Encontros de Arquitectura serán un dos maiores foros presentes no Palacio de Congresos de Galicia neste ano

07/10/2005 Santiago converterase durante tres días de outubro na capital internacional da arquitectura e a construción. Andar Quatro e o COAG organizan, por cuarta vez, os Encontros Internacionais de Arquitectura, un congreso de carácter bianual no que se dan cita profesionais de ambos sectores.

Do 20 ao 22 de outubro, no Palacio de Exposicións e Congresos de Galicia, máis de 1.200 arquitectos e estudantes coñecerán a particular visión dos 14 poñentes invitados sobre a Arquitectura como elemento identificador e modificador do espazo sobre o que actúa, ben sexa a cidade ou a propia historia.

Paralelamente, nese mesmo recinto terá lugar a Mostra de Materiais de Construción, na que estarán presentes máis de cincuenta empresas de todos os sectores que interveñen na definición do proxecto arquitectónico, desde o debuxo ata a electricidade.

Estes Encontros concitarán boa parte dos activos do país. Así, xunto ás asociacións de Pizarristas e Graniteiros, estarán en Santiago neses días o Clúster da Madeira de Galicia e firmas como ABB, Saunier Duval, Tecam, Porcelanosa ou Pizarras Castrelos, entre outras.

Estes Encontros naceron hai máis de seis anos por iniciativa dun grupo de estudantes da Escola Técnica Superior de Arquitectura (ETSA) de A Coruña. Hoxe contan co respaldo do Concello de Santiago, xunto co do Ministerio de Vivenda, a Xunta de Galicia a través da Consellería de Vivenda e a ETSA coruñesa.

Compartir: