ALCALDÍA

Unha viaxe pola paisaxe galega do século XX a través da arquitectura

06/02/2009 O Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) abriu na Fundación Torrente Ballestar a exposición Unha viaxe por... 1929-2009, deriva I, do arquitecto Pablo Gallego. O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, asistiu á inauguración da mostra.

Unha viaxe por...1929-2009, deriva I é un percorrido polos territorios de Galicia e as súas profundas transformacións dende 1929, ano no que Luís R. Alonso iniciou un proxecto documental sobre o país con motivo da Exposición Iberoamericana que se celebraba ese mesmo ano en Sevilla. Foi un proxecto que, pola repentina morte do seu director, deixa inacabado na súa montaxe, finalizada máis tarde de forma secuencial e como idea de viaxe.

O testemuño fílmico constitúe na actualidade unha gran fonte de información e documentación sobre a xeografía e a paisaxe de Galicia, así como ser o primeiro intento de promoción turística da terra galega. A partir da revisión destes arquivos, Pablo Gallego percorre os mesmos lugares e ponse exactamente non mesmo punto onde Alonso parou coa súa cámara.

Diferentes formatos
A mostra consta de diferentes partes que se presentan en diversos formatos: "Unha viaxe por… rodaxe I, in progress" trátase dun video documental de 43 minutos de duración; "Unha viaxe por… secuencias, in progress" son cinco micropezas fílmicas, de duración variada en cor ou branco e negro; a serie "Unha viaxe por…" está composta por un grupo de fotografías en xelatina de prata, ao igual que a serie "Pai-saxes"; outro dos apartados da exposición é o "Moble de viaxes", onde se pode observar contido gráfico variado (planos, textos ou fotomontaxes de proba); e por último a "Parede" con cartografía da viaxe.

Pablo Gallego é arquitecto e actualmente profesor do departamento de Proxectos e Urbanismo na ETS de Arquitectura (Universidade da Coruña) e codirector da revista Monografías, do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia. Algunhas das súas obras atópanse en Londres e Nova York, cidades onde colaborou en distintos estudos de arquitectura. Entre os premios que recibiu no transcurso da súa traxectoria artística, destaca o da edición do Europan 8 na Cidade de Coimbra, Portugal.

A mostra permanecerá aberta na Fundación Torrentes Ballester ata o 28 de febreiro, en horario de luns a sábado de 12:00 a 14:00 e de 18:00 a 21:00 horas, e os domingos e festivos de 12:00 a 14:00 horas. Neste horario están programadas varias visitas de centros educativos da cidade que, coas explicacións dun arquitecto do Colexio, poderán coñecer a fondo os contidos da exposición e reflexionar sobre a importancia da paisaxe e do territorio galegos. Neste programa de visitas colabora a Concellería de Educación.

Ademais, do alcalde, participaron na inauguración da exposición o decano do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, Celestino García Braña; o director xeral de Urbanismo da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes, Ramón Lueje; o presidente da Comisión de Planeamento e Medio Ambiente do COAG, César Coll; e o comisario da exposición, Pablo Gallego.

Compartir: