FESTAS

A Concellaría de Festas convida aos composteláns a participar nas actividades e desfiles do Antroido 2009

06/02/2009 A Concellaría de Xuventude e Festas está un ano máis ultimando os detalles para os festexos do Antroido, que se desenvolverá entre os días 21 e 25 de febreiro. Algo imprescindible nesta época de troula e disfraces son os grandes desfiles pola cidade, ademais do acompañamentos musicais e outras actividades de lecer.

Para conseguir, como no Antroido pasado, unha gran participación cidadá chea de entusiasmo e espírito carnavaleiro polas rúas de Santiago, o concelleiro de Festas, Xosé Baqueiro, quere lembrar a todos os incondicionais da maquillaxe e as pelucas as datas para inscribirse nos concursos de disfraces e desfiles de carrozas.

Así, como xa é habitual, o martes de Antroido (este ano martes-24) terá lugar o desfile de carrozas e comparsas no que poderán participar libremente todos aqueles que o desexen. A participación está aberta a todas as asociacións, barrios, comunidades, colexios e persoas individuais. Pero para poder desfilar os interesados deben inscribirse na Concellaría de Festas (Teatro Principal, rúa Nova, 21) antes das 14:00 horas do luns 23 de febreiro.

Unha vez formalizada a inscrición, os participantes só terán que preparar todo e deixalo a punto para o martes de Antroido. O itinerario do desfile, que comezará ás 17:30 horas na Estación de Ferrocarril, será o habitual: Romero Donallo, Santiago de Chile, Frei Rosendo Salvado, Praza Roxa, República do Salvador, Hórreo, Senra, ata acabar na Avda. de Xoán Carlos I.

Segundo o calendario previsto, cando cheguen todos os antroidos e carrozas ao punto de chegada, o xurado, disposto desde o inicio na Praza Galicia para ver de primeira man todos os detalles do desfile, deberá deliberar tendo en conta o deseño e creatividade das carrozas, os disfraces e a caracterización dos seus compoñentes.

A decisión dos membros do xurado e a entrega de premios producirase no Paseo Central da Alameda.

Compartir: