ALCALDÍA

O alcalde participou na comisión executiva e na asemblea do Eixo Atlántico

05/02/2009 O alcalde, Xosé A. Sánchez Bugallo, participou na Comisión Executiva e na Asemblea Xeral do Eixo Atlântico celebradas en Guimaraes, onde se aprobou o inicio do proceso para modificar os seus estatutos e os orzamentos para o ano 2009.

O alcalde de Santiago participou a primeira hora da mañá na sesión ordinaria da Comisión Executiva do Eixo Atlántico, para a continuación asistir ao acto de clausura do Seminario "Cooperación Transfronteiriza de segunda xeración", organizado polo Eixo Atlântico e o Instituto Financeiro para o Desenvolvemento Rexional. Posteriormente celebrouse a Asemblea Xeral do Eixo Atlântico, na que participaron ademais de Sánchez Bugallo, os alcaldes de Vigo, Pontevedra, Lugo, Ourense, Ribeira, Monforte de Lemos, Ferrol, Lalín, Porto, Vilanova de Gaia e Guimaraes entre outros.

Na Asemblea todos os presentes se felicitaron polo éxito do Seminario, non só de participación, senón tamén na calidade das reflexións obtidas nestes dous días e por poder ter unhas conclusións que sirvan para seguir a traballar no éxito da cooperación de segunda xeración. O reto fundamental desta cooperación de segunda xeración é ver que os municipios son capaces de traballar conxuntamente na prestación de servizos colectivos máis aló da creación de infraestruturas individuais.

A Asemblea contou por primeira vez coa presenza de observadores de Galicia e Norte de Portugal, como o Presidente da FEGAMP e o seu homólogo da Federación de Municipios Portugueses. Na apertura da sesión, o Presidente da CCDR Norte de Portugal, que acudiu como invitado, quixo poñer en valor os bos resultados da cooperación obtida ata o momento e do interese en que a recentemente constituída AECT entre Galicia e Norte de Portugal teña moitos éxitos no seu camiño.

Un dos puntos de maior importancia que se tratou na Asemblea foi o inicio do proceso de adecuación dos estatutos do Eixo Atlântico ás novas normativas portuguesas, coa aprobación da creación dunha comisión de expertos que elabore un ditame sobre a refundición do Eixo co fin de analizar e estudar as consecuencias que pode supoñer este paso. Procederase entón a elaborar un documento estratéxico para presentar á Comisión Executiva no mes de marzo e poder ser ratificado pola Asemblea Xeral Extraordinaria do mes de xullo.

Así mesmo, aprobouse o balance económico e os orzamentos do Eixo Atlántico para o ano 2009.

Compartir: